Presencia-OpiniónVolver ó índice / Rusia
Xeorxia no centro do polvorín caucásico
Por Roberto Mansilla (Canal Mundo, 24/08/2004)
 
 

Un escenario de pre-guerra estase suscitando actualmente no sur do Cáucaso. As rebelións irredentistas nas rexións de Osetia do Sur e Abxasia ameazan coa renovación dos combates que xa se viviran na rexión a comezos dos noventa. Hoxe, a chave dos novos conflictos non se limita soamente ás aspiracións secesionistas de osetios e abxasios ou á configuración estatal da Xeorxia post-Shevarnadze, senón unha lenta e xorda puxa xeopolítica entre Moscova e Washington en materia petroleira e pola consecución de áreas de influencia, na que tamén se inclúe a participación de Turquía e a Unión Europea.

O presidente xeorxiano Mikhail Saakashvili, apoiado directamente polo goberno estadounidense dende a caída de Eduard Shevarnadze en novembro pasado, eríxese agora coma o peón principal deste redimensionamento xeopolítico. A súa consolidación no poder en Tbilisi manifestouse en maio pasado, cando abortou as intencións separatistas de un dos seus principais rivais políticos, Aslan Abashidze, na rexión de Adzaria. Esta rexión é importante non só para garantir a integridade estatal xeorxiana: a capital adzaria, Batumi, é un porto importante para a saída do petróleo do Mar Caspio. Coa resolución deste problema, Saakashvili esperaba facer o mesmo en Osetia do sur e Abxasia, pero aquí atópase coa resistencia directa de Rusia, tradicional aliado de osetios e abxasios.

Desde Moscova, o presidente Vladímir Putin, coa atención posta no “caso Yukos” e Chechenia, intenta facer malabarismos para non perder a influencia rusa no Cáucaso sur, seriamente ameazada desde que Washington enviara tropas norteamericanas a Xeorxia en 2002. No marco da loita anti-terrorista do presidente Bush asinou un convenio de cooperación militar que permitiu a Saakashvili enviar soldados a Iraq.

En Osetia do sur e Abxasia atópanse tropas rusas dende o establecemento do cese o fogo de 1993, pero en Tbilisi acusan a Moscova de manipular aos secesionistas para desmembra-lo Estado xeorxiano e manter a influencia rusa no Cáucaso sur. Rusia tamén acusa a Xeorxia de albergar separatistas chechenos e ingushes. O interese ruso é claro: apunta a controlar o Cáucaso, acabar cos irredentismos en Chechenia e Ingushetia, ter unha porta de entrada ás reservas petroleiras e gasíferas do Mar Caspio e un corredor cara Medio Oriente. De feito, prácticamente toda a rede eléctrica e gasífera xeorxiana está en mans de empresas rusas.

Washington intenta contrarrestar esta influencia rusa apoiando a líderes como Saakashvili, quen estudiou en EEUU e con vínculos coa Open Society, a organización do multimillonario estadounidense de orixe húngara, George Soros. O interese da Casa Branca non só é minar a posíbel expansión rusa na rexión e manter ao Cáucaso aillado do escenario da guerra contra o terrorismo, senón que se concentra na viabilidade da ruta do oleoducto Bakú-Tbilisi-Ceyhán, mellor coñecido polas suas siglas, BTC. Este oleoducto parte da capital azerí Bakú, pasa pola capital xeorxiana Tbilisi e achégase ao porto turco de Ceyhán, no mar Mediterráneo.

En Washington confían que este oleoducto de 1.730 km. de lonxitude e 2,9 millóns de dólares de custe, poida transportar mais de 1 millón de barrís diarios. O proxecto, xa concebido na “era Clinton”, está pensado rematar no 2007 e conta co financiamento, dende febreiro deste ano, do Banco Europeo de Reconstrucción e o Desenvolvemento, da International Finance Corporation, unha filial do Banco Mundial, e outras organizacións financeiras e comerciais, ata cubrir o 70% do total. Ao mesmo tempo, estase a desenvolver un gasoducto entre Bakú, Tbilisi e o porto turco de Erzurum, o BTE. Ámbolos dous son pezas claves da xeopolítica norteamericana e europea no Cáucaso sur.

É por iso que o goberno estadounidense ven deseñando unha ardua estratexia diplomática na rexión. Resultan imprescindíbeis as alianzas entre os gobernos xeorxiano, azerí e incluso o armenio. Calquer separatismo é rexeitado pola posibilidade de poñer en perigo a integridade estatal xeorxiana e a viabilidade do oleoducto. Turquía, aliado estreito de Washington e con aspiracións a ingresar na Unión Europea, tamén entra en xogo neste escenario. O primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan, estivo a principios de mes en Tbilisi para establecer unha alianza con Saakashvili, quen pediu a Washington e Bruxelas o despregue de tropas occidentais de paz. Erdogan propuso a inclusión de Turquía nesas tropas de paz en Osetia, con dous obxectivos: substituir a influencia rusa e garantir a estabilidade do oleoducto BTC. O paso turco, avalado por Washington e Bruxelas, tamén ten un obxectivo a medio prazo: evitar a posíbel afirmación de Irán como actor relevante na rexión.

No que respecta a Moscova, Putin sabe moi ben que loita silenciosamente contra unha alianza rexional entre Xeorxia e Azerbaiján, que conta co apoio externo de EEUU, Turquía e a Unión Europea. En materia petroleira, Rusia tamén ten intereses: a viabilidade do oleoducto que parte de Novorossiisk, no mar Negro, ata Tbilisi, e que pasa pola rexión de Abxasia. É por iso que o control, ou a pacificación da mesma, constitúe unha necesidade rexional. Entre o BTC e o Novorossiisk-Tbilisi, o goberno xeorxiano espera obter ganancias superiores aos 60 millóns de dólares anuais.

Pero Putin parece mais decidido a non arriscar as súas boas relacións con Washington por diverxencias no Cáucaso. O Ministro ruso de Defensa, Sergei Ivanov, declarou que Moscova non necesita maior inestabilidade no Cáucaso. Para Bush, non interesa tampouco un novo conflicto no Cáucaso cun Iraq inestábel. Putin parece incluso disposto a sacrificar os intereses rusos para non molestar ao aliado estadounidense. Para os povos do Cáucaso, a súa rexión convértese no escenario dun xogo xeopolítico de suma-cero sen aparente resolución vía negociación.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/08/2004
Fernando Pol