| Presencia-Opinión |
||||
| Ucraína: a transición de nunca acabar Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 30/11/2004) |
||||
|
Neste caso, EEUU e a Unión Europea, reforzada pola Organización de Seguridade e Cooperación en Europa, puxan pola súa influencia nun país xeo-políticamente estratéxico e historicamente dividido entre Occidente e Rusia. A disputa hoxe, subterránea e informal, non ten que ver cos imperativos ideolóxicos senón cos intereses xeopolíticos. Alén dos actores principais da política ucrainiana, o presidente Leonid Kuchma, o candidato oficialista pro-ruso Viktor Yanúkovich, e o opositor pro-occidental Viktor Yushenko, o envite que se presenta neste país de 48 millóns de habitantes e máis de 600.000 km2 é o dunha clara disputa entre Moscova e Washington polo control de diversas zonas do ex espazo soviético. Tomando en conta a recente xuntanza entre Kuchma, Yanúkovich e Yushenko, o acordo lexislativo para anular os resultados das eleccións e o anuncio presidencial de propiciar unha repetición das mesmas, o máis claro perdedor semella ser o presidente ruso Vladímir Putin, ansioso pola victoria de Yanúkovich. Pero o espectro socio-político do país aínda revela incertezas que ben poideran deparar sorpresas. A crise revelou que o país amósase dividido xeográfica e étnicamente, un factor importante para comprender a súa situación actual. Pero a división mais manifiesta ten que ver co proxecto nacional a seguir. Ucraína é un país maioritariamente cristiano-ortodoxo, mais ao oeste consérvase a herdanza cultural occidental, manifestada a través da súa inclusión no imperio austro-húngaro e a presenza de comunidades católicas e uniatas, cristiáns ortodoxos que non recoñecen a autoridade papal. Pola súa banda, o Leste é marcadamente rusófilo, producto da súa proximidade a Rusia e a forte autoridade da Igrexa ortodoxa. Aquí tamén concentrouse a maior parte da industria pesada e metalúrxica do país, icona da era soviética. Do mesmo xeito, Ucraína constituiu unha importante baza militar e nuclear na ex URSS, pero a desintegración soviética deu paso a que Kiev desmantelara o seu arsenal nuclear en 1994. A crise actual amosa que os “rusos do Leste” poderían puxar pola desintegración territorial de Ucraína. Do mesmo xeito, o país presenta un mosaico de diversidade étnica e linguística manifestada na presenza de comunidades rusas, turco-tártaras (Crimea), búlgaras, rumanas, húngaras, polacas, alemás, bielorrusas, gregas e eslovacas, presentes tanto ao oeste como ao leste, coas suas diversas mesturas e lealdades específicas. Outro asunto é a utilización da información. A información occidental reflicte que a opción do opositor Yushenko representa a alternativa liberal e democrática do país, mentres Yanúkovich e Kuchma tratarían de manter a tradicional influencia rusa na política ucrainiana. Este esquema ven reforzado polo apoio a Yushenko por parte dos principais gobernos occidentais e figuras da transición post-comunista como Lech Walesa e Vaclav Havel, o que deixa ao candidato opositor nunha posición privilexiada nun momento en que a poboación manifestaba o seu descontento a través dunha “revolución pacífica”. Polo tanto, Washington e Bruxelas, soñando coa ampliación ucrainiana da UE e da OTAN, esperaban ver reflictido o espírito da “revolución de veludo” de Praga en 1989, no Kiev do 2004. Nesta ocasión, os resultados non foron tan diferentes: Ucraína seguiu os pasos das crises en Xeorxia no 2003 e a ex-Iugoslavia no 2004, coa diferenza de que a alternativa da negociación non deu paso á caída dun goberno ou réxime, senón á posibilidade de transitar a crise pola vía institucional. Tampouco se poden esquecer as similitudes do sucedido en Kiev co que aconteceu anteriormente en Tbilisi e Belgrado. O principal activo da rebelión ucrainiana foi a mocidade, alistada no movemento Pora, que contou co asesoramento das organizacións Otpor (serbia) e Kmara (xeorxiana), artífices das caídas de Milosevic e Shevarnadze, e toda elas contando sempre co apoio de organismos e gobernos occidentais. Deste xeito, a imaxe da “revolución de veludo” chegou a un país canso da enorme corrupción e de represión oficial cara a oposición. Pero mais que a transición democrática, os imperativos occidentais e rusos en Ucraína teñen que ver co razoamento propio da era bipolar. Desde Washington e Bruxelas ansíase a inclusión ucrainiana na OTAN, para moldear un “cordón sanitario” que preveña dunha eventual expansión rusa mantendo a este país nunha permanente vixiancia. Os inmediatos apoios estadounidense e europeo ás demandas de Yushenko deslexitimando os resultados e apoiando a repetición dos comicios, revelan tamén esa ansiedade occidental por gañar o pulso a Moscova no escenario ucrainiano. Pola súa banda, Putin esperaba en Ucraína ver culminados os seus esforzos por recuperar o terreo perdido no espazo ex soviético. A diplomacia rusa reactivouse en Asia Central, mentres Belarús mantén unha férrea posición pro-rusa. A chave agora semella ser o control de Ucraína. Neste contexto, servirá a crise ucrainiana para manifestar unha nova “guerra fría” entre Moscova e Washington? A partida segue. |
||||
|
Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI. |
||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/12/2004 |