| Presencia-Opinión |
| Rupturas en Israel e Palestina Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 14/12/2004) |
|
O caso israelí é o mais peliagudo. Sharon afronta un goberno dividido, que estivo ás portas da desintegración a semana pasada, cando unha votación no Parlamento provocou a ruptura do partido centrista Shinui coa maltreita coalición de goberno. Anteriormente, os partidos ultradereitistas e ultrarelixiosos abandonaron a Sharon mentres os ex primeiros ministros Benjamín Netanyahu e Ehud Barak amosaban o seu rexeitamento á formación dun goberno de unidade nacional. Acosado políticamente, Sharon viuse na necesidade de iniciar negociacións coa oposición laborista de Simon Peres para evitar as eleccións anticipadas, e poder seguir adiante co seu polémico plan de retirada militar de Gaza. Neste apartado, Sharon conta co apoio dos laboristas e a Unión Europea pero é profundamente impopular entre os colonos e os seus aliados políticos. En Palestina non confían na viabilidade desta retirada, ao consideraren que Sharon busca deixar Gaza para asegurarse o control de Cisxordania, sede das institucións da ANP. Se o tándem Sharon-Peres logra concretarse, esta táctica reforzaría a idea da natureza “duocrática” do sistema político israelí, tal e como o calificou o politólogo xudeu Aluf Benn. O sistema “duocrático” supón un goberno co-dirixido polo primeiro ministro e un membro poderoso do gabinete, e ven sendo unha constante en Israel desde a súa creación en 1948. A desesperada manobra de Sharon chega nun momento difícil para a sociedade israelí. Un recente informe do Exército admitiu a matanza de palestinianos inocentes durante as operacións de “asasinatos selectivos” contra líderes radicais. Precisamente, mentres Sharon convencía aos laboristas para formar goberno, o fallido ataque israelí contra o xefe dos Comités Populares de Resistencia en Gaza, Jamai Abu Samhadana, permitiu a esta organización “xurar vinganza” e responder “coma un terremoto”. A crise militar israelí agravouse coa rebelión dalgúns efectivos do Exército, opostos ás operacións en territorios ocupados. Do mesmo xeito, as críticas europeas cara o goberno Sharon dende outubro pasado, pola súa “indiscriminada e sen precedente política de violencia” en Gaza, deixa a Sharon e a Israel nunha complicada situación. A cada vez maior presenza europea no proceso de paz en Oriente Medio permitiu que un informe secreto dun centro de análise israelí advertira sobre a posibilidade de que Israel correra o risco de converterse nun “Estado paria” illado no escenario internacional, senón acada unha solución pacífica cos palestinianos e persiste en conservar a súa particular política de facer caso omiso ás resolucións da ONU e á comunidade internacional. Sinais similares de incerteza atópanse no bando palestiniano. A morte de Arafat permitiu iniciar un período de certa tranquilidade, previo á preparación das eleccións presidenciais do 9 de xaneiro. O “sucesor”, Mahmoud Abbas, intenta manter a fráxil estabilidade política entre os diversos sectores do partido Al Fatah, a Autoridade Palestina e a OLP, pero aínda non sabe cómo manexar a situación ante a popularidade de Hamás en Gaza e o ascenso de Marwam Barghouti, preso nun cárcere israelí. O “efecto Barghouti” ameazaba con facer estoupar os cementos da “vella guarda” de Al Fatah, representada principalmente por Abbas, Ahmed Qurei e Saeb Erekat. Pero o panorama semella contradictorio: Barghouti anunciou que se presentaba, logo retractouse, volveu a anunciar que iría ás eleccións e agora non só volve a retirarse senón que manifesta públicamente o seu apoio a Abbas. Éste, pola sua banda, ten o respaldo case xeral de Al Fatah, boa parte da Autoridade Palestina, os EEUU e a Unión Europea, todos agora confían na súa victoria electoral. Pero o impredecíbel do escenario palestiniano ten que ver agora coas posibilidades reais do partido islamista Hamás e a Yihad Islámica, reforzados polo retiro de Barghouti e receosos dunhas eleccións que xa catalogan de fraudulentas. Nesta voráxine, a Unión Europea, Rusia e EEUU, intentan retomar o camiño das negociacións de paz. Unha verdadeira caravana diplomática levou a Oriente Medio ao ministro de Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, o británico Jack Straw, o ruso Sergei Lavrov e o secretario de Estado norteamericano, Colin Powell. Espéranse tamén movementos neste sentido de Alemaña e Turquía, do premier inglés Tony Blair e por parte do novo asesor de seguridade nacional de Washington, Steven Hadley. Todo apunta a unha revitalización da alicaída “Folla de Ruta”. Fontes exipcias anunciaron a realización de xuntanzas secretas entre israelís e palestinianos, que poderían desembocar nun cese o fogo e na realización dunha conferencia internacional. Londres xa anunciou a súa intención de ser a eventual sede, pero ningún alto cargo israelí ou palestiniano deu crédito a esta información. A tensión rexional é un aderezo da crise política israelí e da titubeante sucesión de Arafat. |
|
Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/12/2004 |