| Presencia-Opinión |
| O asasinato de Van Gogh e a crise dun modelo Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 16/11/2004) |
|
O caso holandés ten que ser contemplado con certo escepticismo. O país viviu unha etapa de gran estabilidade política e económica que vertebraron un modélico sistema de cohesión social, dende finais da II Guerra Mundial. Ata o asasinato do líder de extrema dereita Pym Fortuyn hai dous anos, ningún crime de orixe político hse cometera no país. A cada vez mais crecente inmigración fixo que nesta sociedade de 16 millóns de habitantes, un 10% fora de orixe estranxeiro, particularmente turcos, marroquís, somalíes, balcánicos, etc. Os vaivéns das economías europeas repercutiron na sociedade holandesa, aínda que a súa economía seguía a experimentar un nivel alto. Pero a aparente apatía social do modelo “laissez faire, laissez être”, deu paso a un subterráneo descontento que comezou a manifestarse coa emerxencia de movementos de ultradereita como o Vlaams Blok ou o partido de Fortuyn. Obviamente, tralo 11/S e, especialmente, o atentado de Madrid en marzo pasado, o auxe dos tópicos cada vez máis deterministas en canto á confrontación entre Occidente e Islam, amosaron un escenario inédito. As revelacións policiais identificaron células extremistas en Holanda vencelladas aos atentados de Nova York e Madrid, polo que comezou unha guerra verbal entre dirixentes políticos e sociais, radicalizada tralo asasinato de van Gogh. Esta “guerra verbal” cristalizou en xuízos ofensivos cara o Islam e a necesidade de reforzar a seguridade nacional, tal como manifestou o vice-primeiro ministro Gerrit Zalm, amigo persoal de van Gogh, quen cualificou sen atenuantes a situación como unha “guerra contra os extremistas islámicos”. As repercusións sociais tampouco deixaron lugar a dúbidas: un 40% dos holandeses non desexan que os musulmáns se sintan como en casa; un 90% reclama o reforzamento da loita antiterrorista aínda a costa das liberdades individuais; e un 80% pediu unha política de integración máis dura. Mentres nalgunhas mesquitas os imáns chamaban á “guerra santa”, espontáneos ou membros da extrema dereita queimaban centros islámicos, mesquitas, igrexas católicas e templos protestantes. Está Europa inmersa nunha especie de “guerra interna” contra a súa inmigración musulmana? A desconfianza é cada vez mais evidente. Segundo fontes policiais, España, Holanda e Alemaña serviron de ponte para os terroristas de Al Qaeda que atentaron en EEUU e outras partes do mundo. En Francia, temas tan delicados como o conflicto palestino-israelí, a guerra en Iraq, a posíbel admisión turca ou o conflicto checheno, provocaron un inédito auxe do antisemitismo e tensións sociais e políticas. Os partidos anti-inmigración son cada vez mais numerosos, asociados á extrema dereita que comeza a ocupar espacios públicos e políticos, como xa o fixera en Austria e Suiza. Mentres tanto, a frustración de milleiros de musulmáns de segunda xeración, principalmente de orixe rural, que afirman sentirse incomprendidos ante a sociedade europea, alimenta o fanatismo dun e doutro lado e dificulta a integración. O profesor Afshin Ellian, da Universidade de Leiden, declarou a propósito do asasinato de van Gogh, que a segunda xeración de musulmáns chegados a Holanda nos anos sesenta “non quere integrarse”, mantendo comportamientos “cada vez mais agresivos” e sentíndose “incomprendidos, deixados de lado”, sinalando que os holandeses “non fixeron gran cousa para axudalos a integrarse”. É Holanda un exemplo do que está acontecer en Europa? Velaí as chaves do dilema holandés, e tamén europeo. |
|
Roberto Mansilla Blanco é analista do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/11/2004 |