Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Iraq: o segredo dun traspaso
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 06/07/2004)
 
 

A nova estratexia de Washington en Iraq ten moito que ver coas eleccións presidenciais de novembro próximo. Basta fixarse na situación xerada no país árabe tralo subterráneo e segredo traspaso de poderes ás novas autoridades iraquís dous días antes da data prevista. O luns 28 de xuño, mentres o presidente Bush asistía ao decisivo cumio da OTAN na veciña Turquía, o novo Iraq, sen o procónsul Paul Bremmer, poñíase en mans do primeiro ministro Iyad Alaui e o presidente Ghazi Al Yauar, baixo a supervisión directa do embaixador John Negroponte.

O pactado traspaso de poderes pode sercontemplado como unha situación de alivio para Bush. Iraq converteuse nun caótico problema para a súa administración no só en materia de seguridade e orde pública senón de credibilidade, polo que desembarazarse do problema ao darlle o goberno aos iraquís mostra a desesperada estratexia de Washington. As ilegais e ilexítimas razóns da guerra e o escandaloso caso de Abu Ghraib penden como unha “espada de Damocles” para Bush. A rebelión de sunníes e xiítas en abril pasado, o repentino movemento da minoría kurda cara a súa autonomía plena (coas denuncias de “limpeza étnica” no norte do país e o sorpresivo e secreto apoio israelí) e os constantes ataques terroristas, incluidas as execucións de reféns estranxeiros, deixan unha penosa situación para a nova administración. Do mesmo xeito, o desemprego e o descontento popular coas tropas ocupantes completan un panorama explosivo.

Bush sabía da importancia de traspasar o goberno aos propios iraquís pero necesitaba asegurarse unha estructura de poder que poida ser manexada con máis comodidade baixo un certo aspecto de lexitimidade. Adiantar o traspaso non é só unha estratexia para sorprender aos terroristas, tal como declararon Bremmer e as novas autoridades. É unha mensaxe a Europa e a ONU de que en Iraq o que segue mandando é Washington, co irrestricto apoio do seu aliado Londres. O papel de Bremmer será substituido polo rol de Negroponte, un home que xa ten experiencia nas situacións complicadas e explosivas (Honduras e os “contras” nicaragüenses nos oitenta). Libre dunha administración directa en Bagdad, Bush poderá agora concentrarse no que mais desexa: a reelección en novembro.

O traspaso coincide co o segundo semestre do ano, vital para impulsar a campaña electoral e gañar os votos dos aínda “indecisos”. A polarización política en EEUU pola guerra de Iraq é outro problema que Bush espera superar se a nova administración iraquí logra pactar coas comunidades sunníes, kurdas e xiítas un novo marco de estabilidade para combater os elementos radicais e terroristas. A outra área estratéxica é a economía e o previsible repunte cara o segundo semestre do ano.

No que respecta ao “novo Iraq”, un mar de dúbidas inundan o traxinar dun país desgarrado e empobrecido, polo que os plans de asegurar unha futura Constitución e eleccións en decembro de 2005 non están asegurados. Bremmer deixou numerosos textos legais condicionantes, coidando de marcar os límites do admisible e propiciando a exclusión de algúns candidatos, entre eles os que pertencen a partidos polítivos vencellados con milicias armadas (coma o Exército do Mahdi do mullah Muqtada al Sadr). Ademais,Washington enviará 15.000 soldados mais a Iraq para reforzar a imperatividade das previsións “legais”. Todo isto é consecuencia do fracaso de Bush á hora de obter un apoio directo por parte da OTAN, tralo cumio de Istambul.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/07/2004
Fernando Pol