| Presencia-Opinión |
| EEUU: paranoias electorais Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 03/08/2004) |
|
Percíbese un clima de paranoia e ansiedade na política interna norteamericana. A convención do Partido Demócrata en Boston que reforzou a candidatura do senador John Kerry, pódese definir tamén como o escenario da resurrección política do matrimonio Clinton. Neste apartado, o electorado demócrata afincou a súa necesidade de recurrir á nostalxia dos “anos Clinton” para recupera-la imaxe dun partido cohesionado, agora aparentemente baixo o liderado de Kerry. Pola súa banda, os republicanos aférranse á seguridade nacional como bastión electoral para a reelección de George W. Bush. Os resultados primeiros, trala finalizacion da convención, en materia de impacto na opinión pública foron favorables para o abandeirado demócrata xa que nas últimas enquisas (corroboradas por The New York Times e The Washington Post), Kerry ubícase entre cinco e sete puntos por diante do seu rival republicano, George W. Bush. Incluso, Kerry obtivo o apoio de personaxes do mundo do espectáculo e o cine, sendo o mais significativo a presenza do director Michael Moore, o máis fero opositor a Bush, que actualmente está a exhibir o seu polémico filme “Farenheit 11/S”, prohibido en varias salas estadounidenses. Cun panorama dese estilo, o clima de apaixonamento e paranoia segue a ser o principal referente político nos debates dos candidatos. Kerry enfatizou na palabra “forza” para proxectar unha imaxe de seguridade, porque sabe que a dinámica dos cambios internacionais para Washington dende o 11-S chámase “loita contra o terrorismo” e amosar unha política de apaciguamento non é rendible electoralmente. Precisamente, o terrorismo global é o tema estelar dunha campaña na que, ata agora, non existen maiores luces sobre a posibilidade dun cambio de orientación na política exterior de Washington. O anuncio do xefe de seguridade nacional, Tom Ridge, de activar a máxima alerta nacional ante a posibilidade de que Al Qaeda realice atentados en New York, Washington e Newark contra institucións financieiras e económicas, vai dirixido claramente a utilizar a ameaza terrorista como suprema arma electoral. O impacto da alerta de Ridge nos mercados financeiros e na opinión pública, aletargada tralo 11-S, aparece como consecuencia do ascenso de Kerry e ofrecería un efecto psicolóxico importante para o aínda considerado “electorado indeciso”. O mais preocupante neste sentido é que o equipo de Bush non esquece os métodos políticos que os levaron á vergonzante perda de credibilidade tralos atentados de New York e a guerra de Iraq. As informacións desta nova ameaza non son novas, xa foran realizadas antes do 11-S, tal e como informan os principais medios norteamericanos. Se ben o efecto do terrorismo global e a necesidade de reforzar a seguridade nacional marcan as pautas do novo paradigma político norteamericano, non deixa de chamar a atención a lenta e progresiva transformación do sistema político en grupos de poder ou especies de “dinastías políticas”, en ámbolos partidos rivais. Os “Clinton” estánse a posicionar coma os verdadeiros líderes demócratas e tanto o ex presidente como a senadora Hillary semellan non ter dúbidas na súa reaparición política. A intervención de Hillary na convención de Boston pode ser explicada como o envío dunha mensaxe subliminal ao electorado das súas futuras aspiracións presidenciais -o 2008 non é unha data despreciable- no caso de que Kerry perda en novembro. No bando republicano, é moito mais evidente a configuración do poder dos “Bush” nos derradeiros anos. O ex presidente e pai do actual aparece como o “mentor” da nova dinastía, continuada polo seu fillo e actual presidente George. No futuro podería expandirse co irmán deste, Jeb, gobernador no estado de Florida e “figura chave” nas eleccións de 2000. Se George é reelixido agora e o seu irmán se posiciona como candidato republicano en 2008 (podendo atoparse coa rivalidade de Hillary no bando demócrata) os “Bush” terían dominado a política estadounidense dos últimos vinte anos, xunto aos “Clinton”. Un dos mais respetados politólogos e cronistas estadounidenses, Robert D. Kaplan, explicou no seu libro “A Anarquía que ven”, a posibilidade da ascensión dun sistema “aristocrático republicano” nos EEUU. A puxa actual non parece ser só entre Kerry e Bush, senón entre “os Clinton” e “os Bush”, cos seus respectivos intereses incluidos. Por esa vía parece encamiñarse a política da superpotencia mundial. |
|
Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 09/08/2004 |