Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
A resolución (des) esperada
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 08/06/2004)
 
 

A nova resolución das Nacións Unidas do martes 8 de xuño, na que se lexitima a coalición multinacional de tropas ocupantes en Iraq, revela un contundente xiro dos acontecementos na situación internacional das últimas semáns.

Se ben o presidente George W. Bush logrou un éxito internacional con esta resolución, a realidade é que a caótica situación iraquí e o semi-aillamento diplomático estadounidense obrigaron a Washington a facer unha desesperada negociación de última hora con Francia, Alemaña e Rusia, coa finalidade de aprobar un borrador de transferencia do poder ao novo goberno interino en Iraq para o 30 de xuño, a data clave para o futuro do país árabe. A negociación tivo unha soa vertente: París e Berlín aceptaron a resolución ante o ofrecemento estadounidense de incluí-los máis ampliamente nos contratos de reconstrucción iraquí.

Moito deste acercamento transatlántico tivo que ver coa celebración do 60 aniversario do desembarco de Normandía, cerimonia na que o presidente norteamericano George W. Bush e o seu homólogo francés Jacques Chirac lograron pechar parcialmente a crise dos últimos dous anos nas relacións transatlánticas, ampliando este escenario a Alemaña e Rusia, os outros países críticos coa invasión a Iraq. Nembargantes, o plan de Bush en Iraq e a estratexia que desexa implantar no vindeiro Cumio do Grupo dos Oito, relativa á “Grande Iniciativa para Medio Oriente”, aínda segue mostrando fisuras, toda vez que a rebelión dos grupos insurxentes iraquís radicalízase cada vez máis, con numerosas baixas militares para a coalición anglo-norteamericana, a pesar do relativo éxito militar no sitio de Najaf e Fallujah contra os militantes do mullah Moqtada al Sadr.

A resolución da ONU limítase a dous puntos clave. O primeiro ten que ver coa duración da estancia das tropas ocupantes no país, e tamén saber se o novo goberno iraquí terá plena soberanía respecto á súa seguridade. Un día antes da votación no Consello de Seguridade da ONU, o novo goberno iraquí de Ayad Allawi (o “home da CIA” en Iraq) anunciou a desmilitarización de 100.000 militantes rebeldes, coa excepción das forzas de al Sadr, o chamado “Exército do Mahdi”. A estancia das tropas internacionais rematará en xaneiro do 2006, polo que finalizará o mandato norteamericano, pero neste tempo o goberno iraquí non terá veto nas operacións militares que Washington e Londres coordinen ao “estilo Najaf e Fallujah” e que a resolución chama “operacións ofensivas sensibles”. Neste punto atópanse posicións discordantes entre os aliados e os iraquíes.

O segundo asunto ten que ver co control dos recursos naturais do país, especialmente o petróleo, e a situación dos $120 billóns da débida externa iraquí. Se ben a resolución da ONU garante o control iraquí dos seus recursos, se manterá unha auditoría internacional sobre as contas das ganancias petroleiras. No asunto da débeda, Washington está disposto a aceptar unha reducción de case o 90% da mesma, pero Francia e Rusia (os principais acreedores), só queren unha reducción non superior ao 50%.

O xiro da situación iraquí con esta nova resolución aprobada abrumadoramente deixa algúns flocos no aire. Queda claro que o acercamento de Washington e Londres ao eixo París-Berlín-Moscova resultaba necesario, pero esto podería afectar ás relacións de poder cos membros do Consello de Goberno Provisional e, máis especialmente, con Irán, país clave na configuración xeopolítica do futuro Iraq.

O subterráneo enlace entre Washington e Teherán corre agora perigo pola configuración dun novo poder interno en Iraq onde a maioría xiíta e os seus principais líderes, como o mullah Alí Sistani, non ven reflectida a súa superioridade. Na comunidade sunnita é cada vez máis patente a presenza de antigos membros do réxime de Saddam Hussein, colaborando co goberno provisional. Os kurdos iraquís esperaban, infructuosamente, consegui-la aprobación da ONU dun autogoberno nas rexións do norte do país, algo ao que se opón Alí Sistani. Polo tanto, o xerme da inestabilidade e a dubidosa lexitimidade segue sendo o principal referente nos asuntos internos iraquís. A resolución máis esperada ten visos de ser a máis desesperada.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2004
Fernando Pol