Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
A hora saudita
Por Roberto Mansilla Blanco (Canal Mundo, 22/06/2004)
 
 

Os derradeiros acontecementos na Península arábiga, Asia Central e o norte de África, cos atentados ás instalacións petroleiras e os asasinatos dos líderes de Al Qaeda en Arabia, Paquistán e Alxeria, mostran unha situación estratéxica decisiva para os membros da familia real saudita e para o futuro do principal productor e exportador petroleiro do mundo. A loita do wahabbismo oficial contra a doutrina salafista de Al Qaeda e as tensións que isto revela para Washington e Europa deixan ao descoberto un escenario de conflictividade e incerteza a curto e mediano prazo.

O impacto mediático e político do asasinato, por parte das forzas de seguridade saudíes, de Abdelaziz al Moqrin, considerado o “home de Osama ben Laden” en Arabia, ademais doutros tres presuntos terroristas, foi complementado co abatemento en Alxeria de Nabil Sahraui, líder do Grupo Salafista para o Predicamento e o Combate. Uns días antes, as forzas de seguridade paquistaníes abateran a Nek Mohamed, un dos aliados da rede terrorista en Paquistán. Estes contundentes e repentinos golpes á estructura global de Al Qaeda é un claro sinal dos novos tempos no que transita a loita contra o terrorismo internacional: unha fase de radicalización ofensiva por parte de ambos bandos, con Iraq, Arabia Saudita e o Maghreb coma principais frontes de guerra.

O torbellino de todo este escenario parece concentrarse no reino saudita. Sobra dicir que Osama ben Laden ten no punto de mira á famila real de Al Saud e que o verdadeiro obxectivo é forzar unha revolución popular de corte salafista, para instaurar no lugar de orixe de Mahoma o “verdadeiro Califato”.

A ameaza que pende sobre o Príncipe Abdullah e os mais de 7.000 príncipes que controlan o principal exportador mundial de crú foi revelada tralos atentados contra as instalacións petroleiras, o secuestro de reféns estranxeiros e o xa comentado asasinato de Al Moqrin.

Al Qaeda e os seus grupos afíns comezaron a decatarse de que os atentados contra a industria petroleira, se ben distorsionarían os prezos nos mercados mundiais, poderían ser sumamente impopulares entre os seus simpatizantes na península arábiga. Polo tanto, e trala morte de Al Moqrin, os plans de desestabilización interna poderían verse momentáneamente aprazados ou cambiados cara unha nova estratexia, revestidos cun carácter mais ideolóxico.

Do mesmo xeito, a monarquía saudita encóntrase nunha encrucillada: presionada externamente dende Washington e internamente polo descontento popular, a necesidade de reforma e apertura política e social, coa finalidade de impedir un ascenso do islamismo, convértese nun imperativo en Riyadh, xunto á suxeción a EEUU en materia de seguridade. A paranoia do príncipe Abdullah crece diariamente, mentres a represión oficial cara os que demandan cambios constitucionais acrecentan os temores dun aumento da popularidade na figura de ben Laden e na ideoloxía alqaedista. Como exemplo, a derradeira enquisa da cadena qatarí Al Jazeera, que revelou que un 85% de saudíes aproba a loita de Osama ben Laden.
Exipto e o norte de África son outros escenarios perigosos. O asasinato de Sahraui evidencia o fracaso da jihad en levar adiante a súa particular revolución, fracaso que xa se escenificara nos Balcáns cando a guerra en Bosnia. Queda por ver qué sucederá co presidente exipcio Hosni Mubarak, hospitalizado en Alemaña no que para moitos xa é unha enfermidade mortal. A busca dun sucesor podería provocar zozobra nun país aliado de Washington e tamén marcado polos obxectivos de Al Qaeda, especialmente do “número dous” da organización, o exipcio Aywan Al Zawahiri. A presión islamista contra o goberno laico e pro-occidental de El Cairo ten visos de aumentar.

Nembargantes, sen Sahraui no norte de África, a necesidade de atopar outro líder converteríase nun imperativo para Al Qaeda, coa conseguinte perda de tempo no caso de levar adiante obxectivos de guerrilla popular.

Iraq é unha situación demasiado apremiante, a pesar da repentina rendición das forzas do iman Muqtada al Sadr en Fallujah e da resolución da ONU que lexitima o futuro goberno iraquí. O desespero do presidente Bush ante a data do 30 de xuño revela as súas preocupacións cara as eleccións de novembro; por iso é necesaria unha victoria militar e xestos de colaboración coas novas autoridades, como a noticia de que Saddam Hussein podería ser xulgado en Bagdad.

Pero a clave para Bush segue a estar no reino saudita, con Iraq na recámara. Unha caída do réxime agora liderado polo octoxenario príncipe Abdullah traería efectos peores que a caída do Shah de Persia en 1979. A pesar das claroscuras e frías relacións entre Washington e Ryadh, a colaboración en materia de seguridade ante a ameaza frontal de Al Qaeda semella inquebrantable. Pero a chave estará en saber ata que punto e ata onde é capaz de chegar a monarquía saudita nas necesarias reformas constitucionais, e cal será a futura política de Washington cara o mundo islámico.

 
 

Roberto Mansilla Blanco é investigador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/06/2004
Fernando Pol