Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Portugal: Santana Lopes reparte secretarías de Estado
Por Marta Táboas Fernández (Canal Mundo, 10/08/2004)
 
 

Dende a designación de Santana Lopes como primeiro-ministro no pasado mes de xullo, abriuse unha nova etapa política para Portugal caracterizada pola sorpresa diaria. Co ánimo de non defraudar, o novo xefe do goberno luso non se fixo esperar e anunciou o que para el é unha importante medida de descentralización: espallar ministerios e secretarías de Estado ao longo e ancho do territorio portugués.

Portugal ten unha poboación de pouco máis de nove millóns de habitantes sen oposicións culturais, étnicas ou lingüísticas, que se organiza territorial e politicamente arredor de Lisboa, exceptuando as rexións autónomas de Azores e Madeira que están dotadas de estatutos político-administrativos e órganos de goberno propios.

A pesar de que nunca se cuestionou a unidade do Estado Portugués, o certo é que esta non é a primeira vez que emerxe a cuestión territorial (referendo sobre rexionalización de 1998) sen que se chegara ningunha das veces a unha solución final para un problema complexo que permanece latente. O debate céntrase na necesidade de diminuír as dimensións da administración central creando rexións con poder de decisión ou, no seu defecto, aumentando as competencias dos órganos locais xa existentes para acercar os servicios ós cidadáns e axilizar os procesos administrativos, dentro dun contexto europeo que obriga ós diferentes estados membros a cambiar o seu modo de actuar á hora de tratar as materias que agora se atopan nas mans da Unión.

Para a coalición gobernante a deslocalización dos titulares dos órganos de goberno é un complemento determinante para a descentralización, posto que contribúe decisivamente, segundo as palabras do secretario xeral do Partido Socialdemócrata Miguel Relvas ao ‘Diario Económico’, a “aumentar a harmonía e o desenvolvemento territorial”, querendo dicir con isto, que o cambio de sede cara outras cidades vai a permitir frear as diferencias entre o interior e o litoral do país, debido a que a instalación das secretarías de Estado noutras localidades implicará a “creación de emprego e riqueza” nas zonas elixidas.

Ata agora, a ‘descentralización’ gobernativa prometida polo líder socialdemócrata, inclúe a instalación de seis secretarias de Estado nas cidades de Coimbra (Administración Local), Golegã (Agricultura e Alimentación), Aveiro (Educación), Évora (Bens Culturais), Faro (Turismo) e Braga (Xuventude), mentres que en Porto se adecuarían instalacións para que o primeiro ministro e os diferentes membros do goberno puidesen desempeñar alí a súa actividade durante períodos regulares, acabando así co monopolio político lisboeta.

¿Pero que acontece coas cidades que non foron ‘agraciadas’ coa instalación dunha secretaria de Estado? Lonxe de descentralizar o que se consegue activar con esta decisión é a loita municipal por contar cunha sede. De feito xa xurdiron en diferentes localidades lusas voces que reclaman para si a súa secretaría: a Federação de Bragança do Partido Socialista solicitou a transferencia de Medio Ambiente para esta rexión por ser a área máis protexida do país, e o presidente da Associação Nacional de Municipios Portugueses pediu que se considerase a posibilidade de transferir dende Lisboa a Viseu o Ministerio das Cidades.

¿Basta con deslocalizar unha oficina para descentralizar? ¿mellórase en algo a administración lusa porque as decisións non se tomen en Lisboa aínda que o poder siga concentrado na mesma persoa e no mesmo órgano? A centralización seguirá sendo a mesma mentres todo teña que resolverse na oficina do ministro ou do secretario, sen importar onde estea situada xeograficamente a súa sede. Entón, ¿paga a pena o esforzo económico do estado portugués, preocupado aínda pola crise, para afrontalos gastos do traslado das secretarías de Estado e dos seus funcionarios se realmente non vai supor ningún cambio substancial?

A deslocalización de seis secretarías de Estado, anunciada polo goberno durante o debate de investidura coma un dos piares básicos da política gobernamental dos próximos dous anos, é unha falsa descentralización que desvirtúa o debate territorial ao pretender resolver de maneira equívoca a necesidade dunha adecuación territorial, hoxe insatisfactoria. Tampouco vai permitir a aproximación dos servicios ós cidadáns nin vai desburocratizar, xa que, descentralizar non significa cambiar a localización dun órgano, senón que significa transferir poder político e administrativo do centro cara instancias inferiores, que no caso portugués implicaría, cando menos, aumentar a capacidade de decisión das autarquías locais ou dos distritos, por mor da ausencia de rexións.

 
 

Marta Táboas Fernández é estudiante da USC en prácticas no IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/08/2004
Fernando Pol