Presencia-OpiniónVolver ó índice / Balcáns
Seselj e a nova Serbia
Por Jairo Dorado Cadilla (Canal Mundo, 15/06/2004)
 
 

Se alguén entra en Serbia polo norte e recorre o país ata a capital, darase de conta que hai un graffiti, escrito en cirílico en case todas as paredes: Šešelj narodni junak - Seselj heroe nacional.

O seu partido, o SRS –partido radical serbio- sube coma escuma en todas as eleccións e o seu candidato nas presidenciais –Tomislav Níkolich- concorre na segunda volta tras ser o máis votado. O seu contrincante, Boris Tadich xa se apresurou a solicitar o voto dos partidos democráticos... por que?

Por que un pais que leva 15 anos de caos e inestabilidade social, cun déficit democrático patente decide votar ao partido dun procesado polo tribunal da Haia?

Unha pregunta complicada para entender un país complicado. Seselj non é máis ca un Le Pen, un populista tipo Haider, como os que hoxe abundan en Europa Occidental, que ten a mesma popularidade asentada nos mesmos valores: o caos, a perda de protección social, a desilusión cun novo sistema.... e no caso de Serbia con algo máis importante: Seselj é o único político da ex-Iugoeslavia que non mudou o seu discurso dende antes da separación nos 90.

Nado en 1954 na Hercegovina oriental (hoxe parte de Bosnia Hercegovina), aos 30 anos estaba no cárcere de Saraievo por críticas ao comunismo. A ruptura do sistema federal socialista en 1990 foi a súa oportunidade para crear un partido, o SRS que se presentaba como o continuador dos chetniks (os nacionalistas serbios que loitaron contra os partisanos e os ustaxas na guerra civil que supuxo a II Guerra Mundial no territorio iugoeslavo). Obtivo dende entón un pulo radical importante, en especial por grupos paramilitares cos que o seu partido cooperou e que lle valeron as acusacións polas que está a espera de xuízo na Haia... e que demostra os contactos da aparentemente inocente Iugoslavia Federal de Milosevic na guerra civil de Bosnia. E ese pulo, inicialmente pequeno –aínda que non marxinal- deu en aumentar. En 1993 rompeu co seu aliado Milosevic que presentou daquela un plan de paz negociable para Bosnia. O nacionalismo radical é seu dende entón e ese pulo seguiu a aumentar ata este fin de semana, cando foi o máis votado.

A situación social de Serbia é desesperada. Tras a caída de Slóbodan Milosevic e a chegada ao poder da coalición DOS a clase política foi perdendo a poucos o pulo popular. Houbo melloras palpables, pero que non chegaron ás clases medias. Houbo unha loita seria contra o crime organizado, pero só despois do asasinato do premier Djindjich, o líder natural que o país, que dende hai máis de medio século vive baixo o culto a personalidade, necesitaba. En catro anos as loitas internas do bloco democrático deixaron claro á opinión pública que as loitas internas de poder parecíanlles máis importantes que a estabilidade do país... e a cooperación co tribunal da Haia deixaba na oposición aso ultranacionalistas... presentándose coma os que non pactan cos agresores do 99.

E nese eido Seselj é o máis coherente. Bo orador, cunhas ideas claras que non varían segundo a situación (a grande eiva de Kostunitsa que muda o discurso co vento) e que se pode presentar como un represaliado do antigo réxime e sobre todo cun partido político que se mantivo invariable nas súas ideas. Nestas presidenciais presentáronse 13 candidatos de partidos tan diversos coma o Partido Patriótico da Diáspora serbia, Coalición para que Serbia funcione (sic) ou iniciativa para unha Serbia bonita, da princesa Jelena Karadjordjevich.

Está claro que neste aumento de poder hai que ter presentes os factores temporais. A crise en Cosova – Metohija de hai dous meses, presentada en Serbia coma unha continuación do terrorismo islamista dos ataques de Nova York e Madrid, ten unha influencia moi importante nun partido que sempre defendeu o asalto de Cosova co exército para recuperar os territorios controlados polos terroristas albaneses. Pero sobre todo que non sexa o mesmo Seselj o que se convertese en Presidente de gañaren as eleccións dálle aspecto inocente. E gañaren é unha posibilidade que ten moita forza, a non ser que a abstención non sexa alta (algo moi pouco probable nunha poboación preocupada por sobrevivir o día a día e con feridas por curar máis importantes ca unha loita política) ou que a oposición consiga dar cunha mobilización social non vista dende hai catro anos, cando se botou do poder a Slóbodan Milosevic. Algo moi pouco probable porque dende entón as alternativas democráticas dinamitaron calquera pulo popular que puidesen ter coas súas disputas.

A comunidade internacional representada na figura da Unión Europea ten pouco que facer. Principalmente porque o seu interlocutor, Mr. PESC non é outro que Javier Solana, o home que decidiu os bombardeos sobre daquela aínda Iugoeslavia, e todo o que dixer seria case un pulo ao votante indeciso para pórse do lado dos de Seselj.

Así que moi probabelmente Níkolich sexa o próximo presidente da Unión de Serbia e Montenegro. Aínda que nesta Unión, calquera prognóstico muda de inmediato.

O que si está claro é que para que a estabilidade política tome forma, son necesarias unha serie de cuestións exteriores que teñan forte calado interior e que rache o illamento no que viven os seus habitantes. Clarificar que vai pasar con Cosova-Metohija. O modelo de protectorado son pingas de gasolina no lume dos nacionalistas. Clarificar cando se van separar Serbia e Montenegro, algo que parece obvio para todos os habitantes da Unión, e que é empregado como unha nova separación coma as dos 90 por parte dos nacionalistas.

O proceso de paz nos Balcáns foi un desastre, xa que sen querer culpar a ninguén polo acontecido, e loxicamente sen tomar medidas de culpabilidade contra un dos países implicados, deixouse da man a un estado, e sobre todo aos seus habitantes, nunha travesía pola inestabilidade que como a bíblica ten todo para durar corenta anos. Diminuír o tempo desa singradura xa só depende de que a xente vote ou non. Unha forte abstención significaría ter no corazón da ex-Iugoeslavia ao motor de desestabilización de toda a rexión.... e simplemente pola deixadez da comunidade internacional.

 
 

Jairo Dorado Cadilla é colaborador do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2004
Fernando Pol