Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Louise Arbour: lex et iustitia?
Por Iria Alonso Casares (A Nosa Terra, 26/02/2004)
 
 

Sete meses despois do asasinato de Vieira de Mello en Bagdag, Kofi Annan anunciaba, hai uns días ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, a candidata para exercer a representación do Alto Comisionado de Dereitos Humanos. O mesmo día no que os iraníes elixían un novo goberno, e se confirmaban as teses de Tom de Luca; de abstencionistas está cheo o escenario internacional, que tan bo resultado lle merecen a Schumpeter. A proposta de Louise Arbour chega, aparentemente, sen conflictos internos e sen rumores nos medios. O portal Cimacnoticas salientaba “postula ONU a xuíza canadiense como alta comisionada” e a BBC facíase eco da súa brillante traxectoria no inculpamento de criminais de guerra.

O nomeamento de Louise Arbour presenta, sen embargo, certas incógnitas. Despois da cuarentena psicolóxica que supuxo a interinidade de Bertrand Ramcharan, e ante o rexurdir de certos conflictos semilatentes en Sri Lanka e en Haití, o aumento da tensión en Iraq e a cada vez máis afastada convocatoria de eleccións en Afganistán, o cambio de estratexia dun dos organismos de maior transcendencia pública da ONU debera ser percibido dun xeito firme pola maioría da opinión pública.

Escepticismo, máis do mesmo ou alternativa real? O perfil da canadense, especialista en dereito criminal e xuíza veterana que formou parte da Corte Suprema do seu país, é realmente, para calquera observadora, do máis correcto. Durante o período 1996-1999 adicouse a remover a lexislación en canto a crimes de guerra e a tentar pór no estrado ao ex-presidente Serbio Slobodan Milosevic. Curiosamente, estes días, o xuíz encargado do caso anunciaba o seu retiro por problemas de saúde. Non só foi activa en Iugoslavia, senón tamén en evidenciar aos inculpados no xenocidio en Ruanda. Sen embargo, Arbour, ao ser proposta do actual Secretario Xeral, esperta serias dúbidas. Un Kofi Annan que emerxe estes días do Mare Nostrum, pavonándose de accións en Chipre, un Kofi Annan que que ante a soedade optou por estratexias de marea enchida na ONU.

Louise Arbour entrará na historia como Pompeia e o Vesubio. O reto do cetro. Dereito e Política Internacional: fórmula en crise existencial perenne. Expertos na creación de tratados e convencións pero indolentes na aplicación das súas propias normas e dos principios básicos de actuación que se derivan, non o esquezamos, da Carta das Nacións Unidas e da Declaración Universal dos Dereitos Humanos do 1948! Falta coraxe.

E esta forza é a que se lle presupón a quen é capaz de desafiar o teito de cristal. A elección da segunda muller para este cargo, lembremos que Mary Robinson marcou un antes e despois en política de dereitos humanos, non é aleatoria. O aumento do compromiso nas políticas positivas no seo da institución contrastan coa insignificante presencia de mulleres en desenvolver responsabilidades políticas nos Estados. Anécdotas son aínda Nova Zelandia, Filipinas, Sri Lanka, por exemplo. Eis, unha praxe de Xenebra que agardamos que marque estilo e continúe co avance que xa supuxo a consideración das violacións como crimes contra a humanidade e non como crimes contra a honra; un cambio no paradigma que de certo a Comisión para a Eliminación de todas as formas de violencia contras as mulleres ( CEDAW) seguirá a liderar, e que estrea tamén nova dirixente, a turca Yakin Ertük.

Porén, expectantes ante o discurso de toma de posesión de Arbour. Que a antítese cultural, Canadá e Estados Unidos, se comprobe unha vez máis, e Moore se erixa como o sociólogo de éxito dos nosos tempos. Non nos gustan os caramelos sen azucre.

 
 

Iria Alonso Casares é analista do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/02/2004
Fernando Pol