Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Europa e a inmigración ilegal
Por Iria Alonso Casares (Canal Mundo, 05/10/2004)
 
 

  Clic para aumentar
Cunha axenda política marcada polo proxecto da Constitución europea e as accións individualizadas dos Estados ante a constante chegada de barcos e pateiras, o estudo de proxectos piloto en materia de inmigración ilegal, asilo e refuxio estase a considerar desde un novo enfoque: unha presumible condición do consenso. A última xuntanza do G5, celebrada os días 29 e 30 de setembro, analizaba novamente e con cautela a creación de campos de internamento para refuxiados no norte de África; Tunicia, Libia, Marrocos, Alxeria e Mauritania serían os países nos que se construirían os centros de tránsito.
 
Europa quere definirse cada vez máis. Como territorio e como concepto. Dotar de eficacia as súas fronteiras e inspirar un modelo propio de organización social e política. Cunha axenda política marcada polo proxecto da Constitución europea e as accións individualizadas dos Estados ante a constante chegada de barcos e pateiras, o estudo de proxectos piloto en materia de inmigración ilegal, asilo e refuxio estase a considerar desde un novo enfoque: unha presumible condición do consenso.

A última xuntanza do G5, celebrada os días 29 e 30 de setembro, analizaba novamente e con cautela a creación de campos de internamento para refuxiados no norte de África; Tunicia, Libia, Marrocos, Alxeria e Mauritania serían os países nos que se construirían os centros de tránsito. O ministro alemán do interior, Otto Schily, defendía esta proposta un ano despois do Cumio de Salónica, onde os británicos experimentaban cunha iniciativa similar, mais dirixida daquela aos solicitantes de asilo.

Esta convocatoria de ministros de xustiza e do interior foi unha nova oportunidade para medir as forzas, posicionarse e renegociar. Alemania, Italia, e Gran Bretaña fronte á cautela manifestada polo representante francés e do Estado español, quen solicitaban cautela e un maior coñecemento dos criterios que rexirían o seu financiamento, xestión, etc.

Agora ben, o proxecto dos campos de internamento levantou considerábeis críticas en diferentes organizacións. Cáritas, por exemplo, falaba da creación de campos de concentración. Amnistía Internacional e Nacións Unidas salientaban tamén os problemas financeiros, loxísticos e legais que provocarían. Unha das argumentacións na que coinciden todas as voces críticas alude á vulneración dos dereitos humanos xa que a construcción deses espacios iría en contra do artigo 19.2 da Carta Europea de Dereitos Humanos na que se estipula: “ninguén poderá ser devolto, expulsado ou extraditado a un Estado no que corra un grave perigo de ser sometido á pena de morte, á tortura ou a outras penas ou tratos inhumanos ou degradantes”.

Para entendérmonos o proceso é imprescindible facer unha referencia ao Consello Europeo de Tampere, no que se apostou pola creación dunha política comunitaria en materia de inmigración e de asilo. Outubro do 1999 significou a confirmación da necesidade de harmonizar os diferentes instrumentos nacionais. A redacción do Libro Verde no que se regula a política comunitaria de retorno dos inmigrantes ilegais, foi un producto directo dese encontro.

Por conseguinte, se o proxecto de Constitución europea prevé unha verdadeira política comunitaria en materia de asilo e de inmigración, as posturas para efectivazala comezan a debuxar un posible escenario futuro que, certamente, abre máis sospeitas que confianzas. No marco actual, sen embargo, a soberanía dos Estados sigue primando; de aí que nos atopemos con imaxes e acenos contradictorios. Amnistía para os inmigrantes ilegais no Estado español ou o frete de avións ate Libia liderado polo goberno Berlusconi, cunha política moi activa contra os inmigrantes.

A Unión Europea semella vivir un trastorno bipolar. Xoga con dúas personalidades. A de titora, gracias ao programa AENEAS, fundado en febreiro deste ano, no que se aproba a asistencia técnica e financeira a terceiros países, continuando así coa política que motivou a creación do Fondo Europeo para os refuxiados en 1997. E a de policía, que se evidencia coa creación de dous centros para a coordinación das fronteiras marítimas e a implementación no 2005 da axencia europea para a dirección das operacións de cooperación nas fronteiras exteriores.

Eis, a inmigración constitúe un dos síntomas do actual fenómeno globalizador. Un problema? Unha solución para os mercados laborais? Un conflicto de identidades culturais? Múltiples enfoques e múltiples achegas. Sen embargo, a creación dos posíbeis centros de tránsito, campos de internamento ou demáis eufemismos, advírtenos e confirma a creación de barreiras e muros máis difíciles de cruzar que os naturais.

Florencia será a seguinte oportunidade para coñecer en profundidade o proxecto nunha nova convocatoria do G5. Un proxecto que, de aplicárense, tería como primeiras afectadas as mulleres, quen representaban no ano 1999 o 48% dos inmigrantes, segundo o libro de Louise Ackers, “Shifting spaces: Women and migration within the European Union”.

 
 

Iria Alonso Casares é analista do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/10/2004
Fernando Pol