Presencia-OpiniónVolver ó índice / Asia
Afganistán: Polémico desembarco das Eurocorps
Por Iria Alonso Casares (Canal Mundo, 10/08/2004)
 
 

O 4 de outubro de 2004 será unha data histórica para o pobo afgán. Porque concluirán as fases do modelo de democratización e porque as mulleres terán acceso ás urnas. Estas eleccións teñen un sabor agridoce. Na memoria aínda temos os ataques continuos contra as principais cidades do país para exixir a entrega de Bin Laden. Estabamos a presenciar, en directo, o comezo dunha nova etapa bélica, tan característica na historia de Afganistán; país marcado polas loitas internas e as invasións. A preocupación internacional polo réxime talibán chegaba demasiado tarde, e algo despistada, ante a posible existencia dun móbil estratéxico- económico máis que na procura dun cambio no réxime político.

Agora ben, as eleccións, como máxima expresión dun sistema democrático representativo, implican un período previo de exposición de programas, de debate público. É dicir, un cara a cara entre os aspirantes. E este semella que vai ser un proceso longo; unha campaña electoral que se abre o 7 de setembro coa sempre difícil tarefa de ter o suficiente eco entre a poboación, pero sobre todo cunha poboación empobrecida, (moito máis coa guerra), rural, que presenta elevado índices de analfabetismo e con moito medo, sobre todo entre as mulleres.

Sen embargo, foi a elaboración do rexistro de electores un dos procesos máis complexos do deseño de Bonn. O atraso de cinco meses na convocatoria dos comicios debeuse, en parte, a dificultade para acceder a zonas non urbanas e mudar a cultura política existente no país, tarefa de titáns, ante a carencia de información clara sobre o procedemento e a súa importancia. A campaña inicial recollía só as oito cidades como centro de recepción de solicitudes, o que facía cáseque imposible a difusión entre os refuxiados en Irán ou en Pakistán. Experiencias como a creación da Radio Sahar xestionada por mulleres, ou a marcha o pasado xaneiro polas rúas de Mazar- E. Sharif na que participaron máis de 500 mulleres, impulsaron en febreiro, a creación dunha unidade específica para que as mulleres se inscribiran, posibilitando, que a día de hoxe, haxa un 90 % de afgáns inscritos.

O modelo presidencialista aprobado en xaneiro define en boa medida a transcendencia da victoria. O gañador terá na súa man unha chave para controlar á Loia Xirga. Nembargantes, a introducción dese apartado na constitución, non se aprobou sen unha forte discusión que chegou a todas as televisións do mundo ao seren protagonizada por unha muller. A creación dun liderazgo, forte, continuista co plan da política internacional para o país, é unha aspiración de certos analistas que ven a Hamid Karzai, aliado norteamericano, como o expoñente deses valores. A segunda volta tampouco sería desexable porque atrasaría novamente a designación dun goberno.

Cinco semellan ser os candidatos con máis posibilidades dos 23 que se presentan, como salienta o corresponsal da BBC na zona. O voto étnico terá as súas repercusións entre os uzbekos, liderados polo Xeneral Rashid Dostum; o muiahideen, Ahmad Shah Ahmadzai, pastún e que controla as zonas do este e do sur; o taiko un dos frentes da Alianza Norte; o actual Ministro de Defensa, Mohammed Fahim e o antes citado Hamid Karzai, pastún, que se ergue como alternativa aos líderes máis conservadores e os que manifestan un talante de enfrontamento cos EUA.

Eis, para os dous tercios da poboación, que son mulleres, a existencia dunha candidatura encabezada por Massouda Jalal, pode ser simbólica, mais evidencia a capacidade futura e actual de organizarse das mulleres. Demostrar á comunidade internacional que as mulleres afganas sempre estiveron activas e que organizacións como RAWA, Equality Now, Irinnews, etc., son agora operativas como resultado da súa resistencia na clandestinidade ou no exilio. Se no 1980 Afganistán asinaba a CEDAW non foi ate principios do 2004 cando foi ratificada. A importancia das axencias internacionais como Unifem, organismo da ONU que oferta asistencia financeira a programas e estratexias anovadoras que apliquen a perspectiva de xénero, son indiscutíbeis. O UNAMA, a Misión da ONU para Afganistán, creou o programa para a construcción de liderazgo en colaboración co MOWA, o Ministerio de Asuntos para as Mulleres.

Non obstante, os resultados en todas eleccións presentan as súas incertezas e as pezas que van definir o xogo difiren entre contextos. A presión internacional para a elección dun goberno cohesionado e forte, que aposte polo establecemento dun réxime que comulgue cos principios universalistas da democracia e das liberdades, non se deterá en apostar por plans de desenvolvemento global para a zona, a longo prazo, porque son custosos. É preciso ter en conta e estar atentos ás consecuencias do recente desembarco das Eurocorps en Afganistán a un mes do comezo da campaña electoral o cal ocasionou certas tensións no seo da OTAN ao seren as forzas canadenses as que controlaban a zona ate o de agora. O conxunto de tropas europeas procedentes de Bélxica, Alemania, España, Luxemburgo e Francia, operan por primeira vez, dende o 1992 en terra estranxeira.

Para concluíres salientar que a lexitimidade do proceso electoral depende da participación e para participar hai que estar informado. A seguridade e a mobilidade, a limpeza do proceso contará sen dúbida con observadores internacionais. Noutras latitudes estase a desenvolver outra campaña con fortes dependencias do que acontece no exterior, e con se cabe sorprendentes similitudes; os demócratas norteamericanos acaban de convidar aos observadores da Unión Europea para evitar o acontecido en Florida nos últimos comicios e garantir uns resultados limpos.

 
 

Iria Alonso Casares é analista do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/08/2004
Fernando Pol