| Presencia-Opinión |
| Ucraína, crise?, que crise? Por Alexis B. Romanov (Canal Mundo, 03/02/2004) |
|
A semana pasada, a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa (APCE) adoptou, con 46 votos contra 13, unha resolución advertindo a Ucraína, que de seguir implementando a súa reforma constitucional por medios anticonstitucionais e non garantir a celebración de eleccións presidenciais xustas e ceibes en outubro próximo, a súa calidade de membro do Consello será suspendida. Na resolución sinálase que a reforma política iniciada en Ucraína o ano pasado contravén tanto a Constitución do país como as regras de procedemento do Parlamento, a Verkhovna Rada. A Asemblea considera que calquera decisión sobre emendas á Constitución con respecto ás eleccións, tomada nas vésperas das eleccións, pode ser parcial. Tamén sinala que o prazo e o método de elección do Presidente soamente poden ser cambiados por medio dun referendo, como o prevé a Constitución ucraína. Na resolución faise un chamamento a tódalas forzas representadas no Parlamento para que reconsideren os tres proxectos de lei sobre emendas á Constitución nun debate aberto e teñan en conta as recomendacións da Comisión de Venecia sobre as emendas á Constitución. Tamén os comina a celebrar as eleccións previstas no ano en curso para o lustro establecido na Constitución, que está actualmente en vigor. A devandita Comisión sinalou en decembro pasado que as decisións propostas nos diferentes proxectos da reforma política non acadaban o obxectivo requirido, o achegamento ás normas europeas. Na resolución exprésase a esperanza de que o presidente Leonid Kuchma se retire ao rematar a súa segunda quenda presidencial en 2004. Foi elixido para este cargo hai dez anos e reelixido en 1999 despois da adopción da Constitución, en vigor dende 1996. En decembro pasado a Corte Constitucional de Ucraína recoñeceu o dereito do cidadán Kuchma a presentarse ás eleccións unha vez máis, xa que a Constitución permite facelo dúas veces seguidas. A Asemblea do Consello de Europa solicitoulle ao Secretario Xeral do Consello de Europa que designe un representante especial para Ucraína con poderes de supervisión dos acontecementos políticos no país, que, en caso que sexa necesario, poida coordinar o diálogo coas autoridades ucraínas. Na resolución tamén se lamenta que as autoridades de Ucraína, incluídos o Presidente e o Ministerio do Exterior, consideren a actuación da Asemblea unha intervención nos asuntos internos de Ucraína. Sen embargo, a Kiev oficial, por boca de seu ministro de Exteriores, Kostiantyn Hryschenko, trata de persuadir aos parlamentarios de Europa: en Ucraína non se da unha crise política senón “debates acalorados e emocionados”. As declaracións feitas polo xefe da diplomacia ucraína -limitados os seus poderes na política exterior dende novembro pasado en virtude dun decreto do Presidente- foron obxecto de crítica por parte de moitos politólogos ucraínos. |
|
Alexis B. Romanov é colaborador do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/02/2004 |