| Presencia-Opinión |
| ¡Vive la France! Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 11/03/2003) |
|
A inmensa maioría da opinión pública mundial comparte a percepción de que non existen nin nunca existiron razóns dabondo para comezar unha guerra contra Iraq. Nin está demostrado que posúa armas de destrucción masiva, nin a súa traxectoria nos últimos anos indica que sexa un país máis perigoso que Israel, Paquistán, India, ou... Estados Unidos, por citar algúns. Fronte a un dos máis burdos e escandalosos exercicios de cinismo que poideramos atisbar erguíase a voz de millóns de persoas en todo o mundo clamando contra ese parafascismo que lle trae sen cuidado o que pase na ONU cando lle conven, que ameaza aos países que asoman a máis mínima insinuación crítica, que convirte as conciencias nun obxecto máis do mercado, que xoga a atemorizar a voz dos que protestan no seu propio país... e todo en nome da defensa da liberdade e da loita contra o terrorismo. A orfandade da sensatez universal queda en mans de Francia, único país que está disposto a cuartear o molde plano de Mr Bush e os seus acólitos, dentro e fóra de Estados Unidos. É sabido que Francia, nun momento internacional moi delicado dende hai anos para a supervivencia das súas áreas tradicionais de influencia, defende intereses propios, pero máis alá desa circunstancia, a valentía que expresa soamente pode ser saudada e utilizada como exemplo fronte a todos aqueles que baixan a cerviz ata límites insospeitados. Francia mobilizase en serio para asegurar a derrota do tridente belicista. Anuncia o veto e pon sobre a mesa toda a súa influencia para contrarrestar a chantaxe norteamericana. Neste conflicto, os europeos demócratas, antibelicistas e partidarios do mundo multipolar sentimonos franceses. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2003 |