Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Un imperio ¿democrático?
Por Xulio Ríos (Terra e Tempo, marzo/2003)
 
 

¿Evoluciona a sociedade internacional cara fórmulas de entendemento e goberno máis democráticas, é dicir, máis tolerantes e cooperativas? Nin podemos nin debemos establecer unha ecuación mimética entre democracia nos ámbitos internos, intraestatais, e o internacional, aínda que neste último caso, probablemente sexan máis obvios e comúns os déficits democráticos.

A aplicación de idénticos criterios nun ámbito tan simple e fundametal como a participación política a través do exercicio de dereito de sufraxio provocaría situacións ata divertidas: no ámbito internacional non existe a “maioría de idade”, ou se é estado ou non se é, ou se é facto pero de non de iure, ao non ser recoñecida unha determinada configuración estatal por unha boa parte da comunidade internacional (quizáis Taiwán sexa o caso máis evidente). Outro tanto acontece se adoptamos un criterio estrictamente cuantitativo. A significación en termos de sufraxio no ámbito internacional non pode traducirse matemáticamente dende o ámbito interno, pois un dos principios que fan posible a existencia dun sistema internacional por precario que resulte, é o de igualdade soberana dos estados. O cal non quer dicir que sexa xusto, pois, en teoría, trata igual a China ou a India que a Granada ou Nauru. Mesmo no ámbito europeo, a traslación do peso demográfico de cada un dos países membros da Unión á mesa dun consello decisorio calquera prexudicaría notablemente as oportunidades dos países máis pequenos, inviabilizando o propio proceso de integración. Por iso tamén no actual momento é impensable reproducir a escala comunitaria, sen correctivos notables, as estructuras e reglas democráticas internas dos países membros. Nese momento, aínda contando cun estado propia levaría todas as de perder. A democracia política non é, xa que logo, unha simple cuestión de separación de poderes, de mayorías e minorías. Non ámbito internacional significa ante todo respecto pola diversidade e espírito de cooperación nun marco definido de entendemento e interese común.

A caída do muro de Berlín trouxo consigo esperanzas de chegar a construir unha orde mundial baseada na legalidade internacional e con organizacións de cooperación internacional reforzadas. En teoría, durante a guerra fría non podía imaxinarse esa situación pois había que loitar contra o imperio do mal, o comunismo, o gran inimigo a bater. Pero liquidada a URSS, a evolución posterior nos advirte do deterioro dunha sociedade internacional que deriva cara posicións visiblemente hexemónicas e baseadas en exclusiva no uso da forza. O cal, de entrada, pode supoñer dúas cousas: ou todo aquel discurso do mundo bipolar era unha argallada cínica ou, pior aínda, o que sobreviveu non foi o imperio do ben. O caso é que as institucións e os reximes reguladores globais veñen acentuando dende entón a súa preferencia pola representación dos intereses dos actores máis poderosos, minusvalorando e despreciando as opinións e os intereses dunha maioría de países que apostaría por fórmulas multilaterais que afortalasen organizacións máis transparentes.

Un goberno global xusto e democrático sería indispensable para regulamentar o comercio ou os investimentos, a protección do medio ambiente e mesmo para desenvolver políticas preventivas en materia de conflictos ou xulgar aos responsables de todo tipo de crimes, non soamente os políticos. Unha guerra contra a libre circulación de capitais (principio que favorece tamén o crime internacional, facilita a preparación de atentados terroristas de gran envergadura ou nutre mil e unha guerras de baixa intensidade) atopa a firme resistente de numerosos líderes financeiros pero sería extremadamente útil para crear un mundo máis pacífico, máis próspero e máis democrático, sen danos colaterais, sen refuxiados, sen contaminación ambiental. Pero para levala adiante é indispensable a cooperación entre os estados. ¿é posible construir ese espacio de cooperación cando un dos principais actores da sociedade internacional contemporánea elabora a discreción as listas de bos e malos e mesmo organiza e promove operacións de intelixencia, cando non guerras abertas, para derrocar a gobernos soberanos?

A raíz do 11S esta dinámica internacional é ben evidente. Sen entrar agora noutros considerandos, EEUU quixo interpretar o ataque como un acto de guerra e buscou con quen librala. Certo que as autoridades de Afganistán acolleron a militantes de Al Qaeda e lles permitía entrenarse no seu territorio (como fai EEUU, por certo, cos mercenarios iraquíes que se preparan nos seus propios cuarteis e como fixo durante moitos anos con escuadróns diversos para toda América latina), pero iso non xustifica unha guerra. A sabendas de que, segundo fontes estadounidenses, os atentados se prepararon no fundamental en Hamburgo, ¿por qué non iniciou tamén unha operación de castigo contra Alemaña? Os militantes de Al Qaeda non actuaron como representantes dun estado senón como individuos e moitos deles eran cidadáns de Arabia Saudí, ¿por qué non golpeou tamén a Riad? Había máis motivos.

Nesa lóxica, EEUU reaccionou de forma arbitraria e non como un estado democrático sobrepasando os límites da legalidade internacional e sacrificando a numerosas víctimas inocentes. Incluso no plano interno se practicaron innumerables detencións obviando as máis mínimas garantías. Non se trata tan só de eliminar aos discrepantes fóra senón tamén de reducir as liberdades dentro. A estrataxema pensada para actuar discrecionalmente e sen ningún límite democrático cos prisioneiros de guerra detidos en Afganistán consistiu en declaralos “combatentes ilegais”, non sometidos ao amparo da Convención de Xenebra. O cal supón unha triple contradicción: faise a guerra contra un estado sen recoñecer que se trata de persoas que actuaron a titulo individual; pero se recoñece a súa condición individual para xustificar a non aplicación das normas que protexen a calquer cidadán non ápatrida; declara o 11S como un acto bélico, pero non se recoñece a condición de soldados dos militantes das organizacións nas que militaban os seus autores. Para quen profesa valores democráticos resulta aberrante a ausencia de garantías procesais mínimas ou a liquidación da presunción de inocencia que conculcan o imperio da lei como norma básica de conducta no plano interior e exterior.

En coherencia democrática, tendo en conta que os atentados de Al Qaeda se cometeron en varios países e que os seus militantes non coñecen fronteiras, semellaría natural e desexable pensar que un Tribunal internacional creado por Nacións Unidas poidera xulgar estas actuacións, mesmo contemplando expresamente a incorporación de xuices do mundo árabe. Pero a EEUU soamente lle interesan os tribunais ad hoc. Bush xulga a Al Qaeda con tribunais militares e sen audiencia pública ao tempo que anuncia a intención de retirar a súa firma do Tratado de Roma polo que se crea o Tribunal Penal Internacional. De pouco parecen valer as garantías de inmunidade para os soldados, vergonzosamente ofrecidas por algúns gobernos “democráticos”.

Para quen aspira a construir unha sociedade internacional máis democrática, fronte a un ataque terrorista da naturaleza do 11S, o tipo de resposta auspiciada por EEUU non conduce a un mundo máis seguro e, pola contra, favorece unha escalada represiva e regresora no ámbito dos dereitos e liberdades no plano intraestatal. É verdade que EEUU non actuou en solitario na guerra de Afganistán, pero si a liderou cun comportamento totalmente hexemónico –como está a facer agora con Iraq-. O Pentágono decide con quen e para que, consolidando a percepción universal da existencia dun único poder global, de naturaleza primordialmente militar, disposto a actuar para impoñer a súa vontade, polas boas ou polas malas. Os gastos en defensa de EEUU superan a suma total dos oito países que lle siguen.

Evidentemente, semellante modo de actuar dun país cun presidente que foi elixido por algo máis da metade dun censo electoral controvertido, sabotea toda esperanza de construir un mundo pacífico e se sitúa nas antípodas dunha mínima cultura democrática.

Paradoxalmente, coa excusa da defensa da democracia e dos dereitos humanos, na última década EEUU levou adiante intervencións militares en Somalia, Panamá, os Balcáns, no Golfo Pérsico (¿qué sería, por certo, daquel afán por transformar a Kuwait nun país petrodemocrático?), non soamente para extender a súa influencia senón tamén para explicitar o seu poderío. Non é a comunidade internacional quen actúa, por moito empeño que se faga en presentalo asi. É EEUU quen se sitúa á fronte dunha forza aparentemente multilateral para ampliar a magnitude do seu poder militar e económico. O abuso de poder é a antítese da democracia como a perversión da lingoaxe sirve para instrumentalizar en beneficio propio o dereito e a legalidade internacional.


A democracia económica

Algunhas políticas de EEUU son responsables das crecentes desigualdades globais na esfera do benestar. As inxustizas estructurais non xustifican o terrorismo, pero iso non quita que debamos recoñecer que unha gran parte da poboación mundial vive nunha espantosa pobreza. A indiferencia do mundo rico, cunha cuota de poder desproporcionada nunhas organizacións internacionais sempre reacias á hora de implementar políticas que melloren a calidade de vida dos países máis pobres, provoca odios e resentimentos en non poucos sectores. O mundo desenvolvido explota os recursos naturais e humanos destes países, promove incluso conflictos e guerras para aumentar o seu control e influencia, pero só adica o 0,24 por cento dos seus PNB a axuda ao desenvolvemento. ¿Poderá existir un mundo máis pacífico e democrático se non se opera unha redistribución das capacidades económicas e tecnolóxicas que reduzan as disparidades? O Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional non representan en termos democráticos, as aspiracións, os puntos de vista e as perspectivas da poboación do mundo enteiro, pero dicta as súas políticas para a inmensa maioría de países, sexan democráticos ou non, paradoxalmente baixo a premisa de que a economía non é política (planos de axuste).

En ocasións, os países ricos establecen como condición previa para establecer a “cooperación”, a introducción de reformas políticas e económicas orientadas á instauración de sistemas democráticos. Nos países do leste de Europa e da antigua URSS, a aplicación desas premisas conduciron a unha terceiromundización de todos estes territorios cunha polarización intensa das desigualdades sociais. E o fenómeno da pauperización vai en aumento. En América latina, todos os procesos de transición da dictadura á democracia se levaron a cabo con plans de axuste que significaron máis endebedamento, destrucción e deterioro dos servicios públicos, e máis pobreza e desigualdades. ¿son democráticas esas políticas? Non, entre outras razóns, por que non trata igual a todos os cidadáns; os dirixentes e acaudalados non se aplican o mesmo rigor.

En moitos países do globo se aspira a unha democracia ampla e global. Da igual que nos seus sistemas se recoñeza o pluralismo partidario, se celebren eleccións, haxa liberdade de prensa ou división de poderes. Saben que as palancas do poder real non están nas súas mans, nin sequera, á veces, nas dos seus gobernos, senón no poder financiero mundial, un poder non democrático pois non é elixido, pero con vontade de imponer os seus dictados e prometendo dificultades a aqueles países que se resisten (poñamos por caso, Venezuela, cunha Constitución que inclúe mesmamente a posibilidade dun referendo revocatorio a medio mandato para que a cidadanía poida emendar a elección dun Presidente).


A ONU na corda frouxa

Nacións Unidas desempeña un papel primordial. Sobran defectos no seu funcionamento e nos seus proxectos, que deben ser corrixidos. A estructura do Consello de Seguridade non responde á situación política internacional de hoxe, senón á de 1945 e tamén esixe reformas. Pero, pese a todo, sigue sendo a única organización transnacional que reúne prácticamente a toda a humanidade e o seu nivel de impregnación internacional, a través de mecanismos diversos, políticas, tratados, etc, cubre hoxe todas as problemáticas ás que nos enfrontamos.

É verdade tamén que a ONU vive unha especie de situación imposible. Sometida a un permanente labor de sabotaxe, se lle reclama que faga de todo pero apenas se lle facilitan os medios necesarios; carga coas culpas dos fracasos e das impotencias cando as consecuencias de canto acontece son producto de decisións de estados poderosos que están dentro dela que manobran con deslealdade e alentan o menosprezo, reducindo a capacidade de intervención decisoria das nacións menos desenvolvidas do planeta.

Resulta demasiado optimista pensar que a ONU poida desempeñar un papel central na sociedade internacional. Hoxe EEUU marca a súa axenda máis ca nunca e o principio da igualdade soberana dos estados que a integran é unha quimera difícilmente discutible. A súa capacidade moderadora vai a menos e ninguén imaxina que se lle poidan proporcionar os medios e a capacidade para impoñer a súa vontade aos estados membros (¿tamén a Israel, a EEUU?) aínda que si para respaldar as interesadas decisións estadounidenses. Nun mundo global, a eficacia da ONU debe ser parcial. A pesar das dependencias forxadas pola mundialización económica, comercial e financiera, o marco estatal, todo o necesariamente debilitado que se queira, será o único instrumento “competitivo” para o hexemón que contempla toda perspectiva de reforzamento democrático das institucións internacionais como un desafío intolerable.

O discurso que xurde das cinzas do 11S se propón acabar con toda esperanza de novas ideas, de impulso de dereitos humanos, de políticas de paz, de concepcións de seguridade que toman en consideración as necesidades de desenvolvemento, e amosa con toda virulencia a contradicción explicita de quen afirma o paralelismo automático entre proceso mundialización e expansión da democracia. O 11S determina a concesión de prioridade absoluta á militarización da política exterior norteamericana e abomina de todo multilateralismo que reduza ou limite o seu proxecto hexemónico. Pasamos dunha sociedade internacional que deixando atrás a guerra fría aspiraba a vertebrar a súa organización e funcionamento con criterios de cooperación democrática a outro baseado na xerarquía. E no cume estará o hexemón, por riba dun dereito internacional que non acepta (como non aceptou case nunca) sen negociar ou compartir o seu poder, incluso cos aliados máis próximos.

Un goberno pode ser democrático. Un imperio, nunca.




Referencias bibliográficas:

Daniele ARCHIBUGI e Iris M. YOUNG. Toward a global rule of law. En Dissent, primavera de 2002.

David HELD. Democracy and the global order. Cambridge, 1995. Polity Press.

Ramón LUGRIS. Nacións Unidas: fantasía e realidade dunha orde internacional. Vigo, 2002. Igadi.

Gore VIDAL. El último imperio. Madrid, 2002. Síntesis.

Varios autores. O mundo desde aquí. Vigo, 1992. Igadi.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2003