| Presencia-Opinión |
| Trilaterais Por Xulio Ríos (ECO, agosto/2003) |
|
David Rockefeller, o magnate norteamericano, impulsou nos anos setenta unha organización dedicada ao estudio dos problemas políticos na perspectiva de alentar a renovación do sistema internacional a partir da creación dunha comunidade trilateral constituída polos Estados Unidos, Europa occidental e Xapón. As súas recomendacións serviron de guía aos círculos dirixentes e aos gobernos de numerosos países para afianzar ese proceso de “renovación” que se debía traducir en reforzamento dunha correlación de forzas a nivel mundial favorable á configuración dunha hexemonía incontestable do poder financeiro universal cunha estratexia centralizada e coherente. Nas antípodas daquelo, o Brasil de Lula, non obstante, ven de impulsar a creación do Grupo dos Tres, unha alianza formada con India e Sudáfrica, como parte dunha estratexia para afortalar a cooperación entre os países en desenvolvemento e o terceiro mundo, estimulando a cooperación bilateral, os intercambios comerciais e para unificar posicións nos foros internacionais onde se debatan cuestións que lles afecten directamente. Segundo Celso Amorim, ministro de negocios estranxeiros de Brasilia, o grupo se propón integrar a China e Rusia, e imaxinar fórmulas de implicación tanto do Mercosur como da Unión Aduaneira de África austral. A Comisión Trilateral Conxunta que decidiron crear traballa na celebración dun encontro ao máximo nivel antes de final de ano para sentar as bases da definición dunha única voz coa que falar nos organismos multilaterais e debilitar as aspiracións de quen pretende consolidar un escenario unipolar no novo contexto internacional. Medio século despois da conferencia de Bandung, os países da periferia do sistema multiplican os seus esforzos para facerse oír, reclamando membros permanentes no Consello de Seguridade, a cooperación Sur-Sur como alternativa ao dominio absoluto das multinacionais, a fin do intercambio desigual, unha política propia diferente á das grandes potencias que poida conter a ofensiva do unilateralismo estadounidense. Pouco queda hoxe de Bandung, pero se algo subsiste son as reivindicacións de fondo debilitadas na súa satisfacción pola capacidade de presión dos imperios que impediron a posta en marcha das grandes transformacións indispensables para acoutar e rematar coa miseria. ¿Un novo actor? O G3 ten a vocación de unir aos países do Sur. Brasil esperta esperanzas, como aconteceu na loita contra as multinacionais farmacéuticas que se saldou coa adopción dos medicamentos xenéricos. As exportacións de Brasil a India creceron ultimamente un 143 por cento; cara Sudáfrica se duplicaron; con Senegal creceron un 485 por cento. No mes de maio, China se converteu no segundo destino das exportacións brasileiras despois de Estados Unidos. Entre 2000 e finais de 2002, foron a China 21 misións comerciais brasileiras e Brasilia recibiu nese período 24 misións comerciais chinesas. Con relación a tres anos atrás, as exportacións ao Imperio do Medio creceron nun 375 por cento. Con todo, as exportacións brasileiras aos países do Terceiro Mundo son aínda moi baixas en comparación coas dirixidas a Europa ou Estados Unidos. Neste caso, a vontade política é indispensable para mover montañas. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2003 |