| Presencia-Opinión |
| Semblanza de Lois Tobío Por Xulio Ríos (Vieiros, 13/03/2003) |
|
Lois Tobío naceu en Viveiro (Lugo) e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.
Nese tempo se incorporou como fundador e membro activo do Seminario de Estudios Galegos, facéndose cargo
da sección de estudios xurídicos, políticos e económicos. En 1933 é nomeado secretario de embaixada na legación de España en Bulgaria, onde o sorprenderá a guerra civil, mantendo a representación fiel ao goberno da República. En 1937 regresa a Madrid e en 1938 pasa a desempeñar o cargo de secretario xeral do Ministerio de Estado. Foi un dos integrantes do equipo que redactou o anteproxecto de Estatuto de autonomía de Galicia de 1936. O camiño do exilio lévao a New York, onde se atopará con Castelao; despois a La Habana (onde funda a Escuela Libre de La Habana); logo a México onde exercería de profesor nun instituto organizado por refuxiados españoles); daquí pasa a Uruguai, onde permanecerá ata regresar a España, en 1963, privado de regresar á carreira diplomática ata 1974. El foi o ideólogo da creación do Consello de Galiza, o organismo que había recoller a legalidade republicana galega despois de 1936 e definido por el mesmo como “fideicomisario” da vontade autonómica popular galega e parte integrante da legalidade republicana extraterritorial. Durante toda a súa vida desenvolveu un importantísimo labor cultural, en especial arredor da investigación da figura do Conde de Gondomar, D. Diego Sarmiento de Acuña, sobre quen publicou numerosas obras e traballos. Membro activo na diáspora, organizador do I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires en 1956. Implicouse a fondo na edición dos dous primeiros volumes da Historia de Galiza que dirixía Otero Pedraio. En 1984, recibiu o Pedrón de Ouro. En 2002, o Premio de Traducción Plácido Castro, pola súa traducción do Fausto, de Goethe. Recibiu tamén o premio da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires polas súas traduccións de poesía. Cultivou tamén outros xéneros coma o xornalístico –comentarista de temas internacionais-, a traducción (traduciu a Teoría do Estado, de Hermann Heller, entre outras). Lois Tobío era ante todo un galeguista universalista, un home de paz, culto e humanista, que sempre viviu comprometido coa súa Terra e coa idea da xustiza social, un antiimperialista convencido que militaba na “Galicia, célula de universalidade” que reivindicaba a Declaración de Principios do Partido Galeguista. “A humanidade é un organismo completo onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade”, dicía. Membro do Consello Asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), era un cidadán do mundo que exercía de galego en todo tempo e ocasión, lendo a Montaigne ou a Rilke na súa propia lingua e traducindo ao noso, apreciando o alleo e valorando o propio na súa xusta medida. Foise un exemplo de coherencia. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2003 |