| Presencia-Opinión |
| Sahara: ¿a traizón de Alxer ou o illamento
de Rabat? Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 05/08/2003) |
|
O Consello de Seguridade de Nacións Unidas aprobou por unanimidade unha resolución de apoio ao Plan Baker, enviado especial de Kofi Annan para a zona, que marca un punto de inflexión significativo na evolución deste longo contencioso. A proposta de resolución foi presentada o 11 de xullo por EEUU co significativo e mesmo sorprendente apoio de Alxeria e do Frente POLISARIO, seguida dunhas declaracións non menos sorprendentes de Richard Armitage, secretario de Estado adxunto da Casa Branca, especialmente eloxiosas co comportamento de Alxer. Todo parece indicar que as presións de Washington tiveron o seu efecto dobremente. Primeiro, ante Alxeria. Segundo, e por mediación desta, ante o POLISARIO. En cousa dun mes, entre o 25 de maio, cando Baker remite a Kofi Annan a proposta de plan de paz, Alxeria e o POLISARIO, antes reticentes, mudan radicalmente de parecer e se adhiren a el. Que pasou? O POLISARIO recoñeceu publicamente as presións de Alxer. A finais de xuño, Mohamed Abdelaziz, presidente da República Arabe Saharaui Democrática, se reuniu con tres figuras clave do goberno alxerino: o primeiro ministro, Ouyahia, o ministro delegado de asuntos africanos e magrebís, Messahel, e o representante permanente de Alxeria ante Nacións Unidas, Baali. Nese encontro, celebrado en Djenane el-Mithaq, acordouse o cambio de postura xustificado pola necesidade de illar a Marrocos, di Alxer, no plano diplomático, facendo quedar a Mohamed VI como o único obstáculo a unha solución negociada. Alxeria rivaliza con Marrocos pola primeira praza na alianza norteafricana co amigo americano. O Polisario non pode sobrevivir sen o apoio e o sostemento de Alxeria. A ONU, e sobre todo EEUU, apúntanse aquí un tanto importante, se ben non existen garantías de aplicación do acordo e Rabat manobrará para modificar aqueles aspectos que non lle son do seu agrado. Entretanto, o cambio de escenario é evidente: a autodeterminación se demora, a autonomía se instala, en principio por cinco anos, pero os obstáculos para a elaboración do censo que existen hoxe existirán tamén dentro dun lustro. O referendo de autodeterminación semella máis lonxe ca nunca. O Sahara está máis preto de Chechenia ca de Timor. Daquela, a industria dos fosfatos estará normalizada e quizais xa saibamos onde están as famosas bolsas de petróleo das que ultimamente tanto se fala. Esa pode ser a principal razón de que desta vez non acontecerá o mesmo ca en Houston en 1995. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/08/2003 |