| Presencia-Opinión |
| Potencia de fogo Por Xulio Ríos (ECO, maio/2003) |
|
Despois da conquista de Bagdad, semella que a guerra contra Iraq entra no seu tramo final. Quedan moitos mortos, a inmensa maioría civís, que non poderán disfrutar da “liberación” prometida por George W. Bush. A resistencia de Sadam, con armamento inadecuado e obsoleto fronte á impoñente maquinaria de guerra angloamericana, ofrecía síntomas de febleza evidentes a partir da segunda semana. E as armas de destrucción masiva terán que poñelas os aliados para non ser obxecto de maior escarnio. E aínda que as tivera, a disposición a usalas non quedou nin moito menos acreditada. Enfronte, na coalición antiguerra, sorprende a tibieza e a falta de coherencia. ¿Medo ás consecuencias? É probable. ¿Pragmatismo vergoñento? Máis aínda. O caso é que, por primeira vez dende a creación da ONU, hai xa máis de cincuenta anos, a invasión dun Estado membro da organización por parte dos exércitos doutros dous Estados membros -e fundadores- non provocou unha condena formal, nin tan sequera unha xuntanza do Consello de Seguridade para avaliar a situación e instar o cese das hostilidades. Thomas M. Franck, antigo presidente da Sociedade americana de dereito internacional, afirma: “Nada na carta da ONU, nin nas resolucións 687 e 1441 contempla a posibilidade de transferir a Estados membros o poder de decidir unilateralmente a oportunidade ou o momento de empregar a forza contra Iraq. Estas dúas resolucións reservan este dereito ao Consello de Seguridade”. A acción angloamericana conculca claramente o artigo 2 da Carta que obriga aos Estados membros da ONU a “absterse... de recorrer á ameaza ou ó emprego da forza... contra a integridade territorial ou a independencia política de calquera Estado”. O despropósito chega a tal extremo que o principal agresor, Estados Unidos, ten a arrogancia incluso de ameazar publicamente a Siria, Estado veciño de Iraq, con padecer serias consecuencias se non para de axudar e apoiar ó Estado víctima da agresión. E ninguén protesta. Nin sequera entre os dirixentes dos países árabes. Todos calan ou colaboran discretamente, mentres medran as protestas das respectivas cidadanías. Esas son as sinais da “nova orde mundial” que nos propón Bush e a súa administración. E quédalle aínda un ano por diante para preparar a súa reelección. É de temer a súa campaña pois cabe pensar que os votos da mediocracia americana van depender do éxito dunha nova campaña militar contra algún integrante do “eixe do mal”. E se finalmente resulta elixido, disporá de catro anos máis, ata 2008, para modelar o mundo ao seu antollo, iso si, en cumprimento dun “mandato divino”. ¿Recoñecerá a ONU á nova Administración de Iraq xurdida dunha acción totalmente ilegal? ¿Aceptará desempeñar un papel residual, limitado ó humanitario, mentres a reconstrucción económica e política de Iraq corre por conta dos agresores? Joseph S. Nye, director da Kennedy School of. Government de Harvard, afirma que “dende o imperio romano, a Historia non coñeceu ningún país tan potente en comparación co resto do mundo”. O triste é que todo se reduce a potencia de fogo. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 15/04/2003
|