Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
Os golpes son para o verán
Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 05/08/2003)
 
 

Mauritania, Santo Tomé e Príncipe, Filipinas... Cando parecía que a democracia e as súas formas se instalaban en todo o orbe terrestre como a única forma admisible e prácticamente indiscutible de goberno, este verán é pletórico en sacudidas golpistas, algunhas moi ruidosas como as citadas, con militares incluidos; outras, sen forzas armadas, pero non por iso menos perigosas (Guatemala, Perú, etc.).

En Mauritania, as forzas leais ao presidente Maauiya Uld Talla lograron abortar un intento de golpe de estado, liderado polo coronel Salá Uld Hnana, expulsado do Exército hai un ano pola súa suposta vinculación cos movementos baazistas pro iraquís. A sublevación se produciu despois de que, tralos atentados integristas de Casablanca, as autoridades mauritanas practicaran ducias de detencións entre os islamistas sospeitosos de emular o exemplo marroquí. En 1999, Mauritania, onde as violacións dos dereitos humanos son constantes, se converteu nun dos tres estados da Liga Árabe que manten plenas relacións diplomáticas con Israel. Uld Talla chegou ao poder en 1984 tras un golpe de estado.

Outro golpe de Estado militar derrocou temporalmente ao Goberno de Santo Tomé e Príncipe, un arquipélago situado fronte ás costas de Guinea Ecuatorial e Gabón. Os golpistas, encabezados polo comandante Fernando Pereira, aproveitaron a ausencia do presidente, Fradique de Menezes, en visita privada en Nixeria, arrestaron á primeira ministra, María das Neves e ao ministro do Petróleo, Rafael Branco, e se autoproclamaron Xunta de Salvación Nacional. O ministro de Exteriores, que se atopaba en Lisboa, liderou o inicio do diálogo cos militares, veteranos do Exército, aliados co Frente Democrático Cristiano, unha forza da oposición sen representación parlamentaria, que estaba organizando manifestacións en protesta pola mala xestión gobernamental.

O golpe se produciu tras meses de inestabilidade social e política motivada pola crise económica e polas expectativas creadas pola futura explotación petroleira no mar. Polo tanto, a loita polo control das recentemente localizadas bolsas de petróleo no golfo de Guinea foi probablemente un dos motivos principais do golpe. Santo Tomé e Príncipe, cunha poboación de 140.000 habitantes, é un dos países máis pobres do mundo. A economía se basea na producción de cacao, que diminuíu das 12.000 toneladas do ano 1978 a unhas 4.500 en 2000. A decisión do Goberno de explotar xunto á veciña Nixeria a zona marítima común non deixou satisfeitos aos partidos da oposición, que acusaron ao presidente Menezes de corrupción.

O crecente interese estratéxico e xeopolítico levou a Washington a considerar ultimamente a posibilidade de establecer unha base naval en Santo Tomé, antiga colonia portuguesa independente dende 1975, na súa busca de novas fontes enerxéticas que diminúan a súa dependencia de Oriente Próximo.

Por último, a asonada de Manila, onde a presidenta Gloria Arroyo estivo contra as cortas durante o amotinamento de 300 soldados en Makati, no distrito financiero de Manila. Pese á súa rendición, o temor a novas sacudidas persiste e a inestabilidade ameaza seriamente a presidencia de Arroyo, nun clima de profundo descontento social e denuncias polas complicidades gobernamentais coa corrupción.

Exemplos contundentes do profundo malestar que existe en numerosas sociedades do planeta, que non atopan camiños fáciles para a resolución dos seus problemas. E sen quebras formais do marco constitucional, abundan aínda exemplos de crisis socio políticas graves, de Liberia a Perú, que amosan a terca persistencia dun mundo infeliz.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/08/2003
Fernando Pol