Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
O negocio da guerra
Por Xulio Ríos (ECO, abril/2003)
 
 

A guerra é un mal negocio, afirman a coro mil e unha voces. Non o é certamente para os que a padecen de modo directo, os civís que sufren as iras dunha civilización que vai a máis na protección das especies en perigo de extinción, cunha sensibilidade raiana ás veces coa inmundicia se a comparamos coa desatención criminal practicada con millóns e millóns de seres humanos. Poida que sexa un desequilibrio maniqueo pero non por iso menos incontestable.

Nunca hai diñeiro suficiente para a paz, para a reconstrucción. O último exemplo, ben recente, é Afganistán. Os recursos mobilizanse sen reparar en custes para derrubar a un réxime execrable, pero as aportacións dos donantes fanse demorar e a vida miserable segue a habitar nas soleiras dos afganos.

En medio de tanto cinismo argumental, agora que retumban de novo os tambores de guerra contra Iraq, é de agradecer que se expresen con tanta naturalidade as disquisicións sobre o futuro da inmensa riqueza petrolífera deste país. Será mal negocio, pero para non para todos. A industria do armamento estadounidense recupera a pasos axigantados a fortaleza nunca perdida. O país que máis insiste no desarme de Iraq é o máis armado do mundo, o que máis recursos destina á guerra (en contraste coa aportación ao desenvolvemento dos países pobres), o non menos cruel experimentador de armas de todo tipo, mesmo de destrucción masiva. Toda guerra é un escaparate para a industria do armamento e está non o será menos. Se anuncian novas bombas coma estrenos cinematográficos.

As grandes multinacionais do crú deberían, cando menos, asinar un comunicado desmentindo a avidez achacada polo petróleo iraquí. Deberían reclamar que as Nacións Unidas pilotasen de forma imparcial e independente a explotación deses recursos en beneficio da sociedade iraquí; deberían urxir, por favor, a convocatoria dun concurso internacional de ideas para garantir a igualdade de oportunidades no novo tempo que se abre no post-Sadam; deberían expresar un mínimo compromiso coa satisfacción das necesidades alimentarias da poboación iraquí tal e como se lle impuso a Bagdad no seu día co programa “Petróleo por alimentos”. E por pedir, deberían pedir a paz e a explotación desmilitarizada dos recursos enerxéticos.

Pero todo isto sería pedir conciencia e sería pedir de máis a un colectivo do mundo empresarial e dos negocios sumerxido en demasiadas ocasións en tramas oscuras que reportan prexuizos inestimables a sociedades enteiras con tal de satisfacer as súas ansias de ganancia. ¿Ou será simple casualidade que o Sr Karzai –actual presidente dese país de pedras que lle chaman Afganistán- tivera no pasado estreitísimos vinculos con UNOCAL?

A alianza do submundo do petróleo cos intereses estratéxicos de Estados Unidos (quebrar o poder da OPEP, baixar o prezo do crú e reducir a dependencia respecto ao subministro de Arabia Saudí, entre outros) nos precipitan nunha guerra, para algúns máis tolerable se os americanos lle garanten un trato de favor no reparto dos contratos da paz.

Mentres quedámonos co que xa sabemos: a de Sadam é unha dictadura negra e a nosa unha democracia limpa. Inmaculada.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2003
Fernando Pol