| Presencia-Opinión |
| O fracaso corso Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 10/07/2003) |
|
Nin Jospin nin Raffarin. O proceso iniciado hai tres anos para desatascar o punto morto no que se atopaba a cuestión corsa, normalizar de paso a relación con París e propiciar un impulso descentralizador á administración gala ven de recibir un duro golpe na consulta celebrada o pasado domingo en Córsega. Aínda que por unha reducidísima marxe de votos (50,98% fronte a 49,02%), a proposta de ampliación da autonomía como saída política para rematar coa violencia foi derrotada, liquidando de golpe todo o chamado proceso de Matignon, unha das apostas máis salientables no seu día do mandato Jospin continuada polo seu sucesor. Un non pequeno, 2.190 votos a máis, pero con grandes efectos, como sinalou François Bazin en Le Nouvel Observateur. ¿Causas? Precipitación na convocatoria, din uns; explicación insuficiente do significado e pormenores dos cambios a introducir; conservadorismo e tribalismo local; a reforma das pensións, afirman outros, ao aseguraren que decantou negativamente ao funcionariado público que representa a terceira parte da poboación activa da illa; a detención inoportuna na véspera de Yvan Colonna, acusado do asasinato do prefecto de París en Córsega, Claude Erignac, en 1998, que desmobilizou aos simpatizantes nacionalistas ao interpretala como un acto de hostilidade. ¿Consecuencias? Córsega vaise conformando como a proba capital para calquera goberno galo. O futuro da pequena illa revoluciona ata niveis insospeitados todo o Estado francés. Xa no seu día custou a ruptura de Jospin e Chevènement, o seu ministro do interior, contrario á idea das “colectividades territoriais únicas”. En París, Nicolas Sarkozy, o ministro do interior actual, figura tan polémica como prometedora, principal valedor da iniciativa, implicado activamente na propaganda do si, queda un tanto descolocado e cun horizonte político máis problemático. En Córsega, Talamoni, o líder de Corsica Nazione, é o branco de numerosas críticas dos seus partidarios. Pero non son os únicos. A maior parte dos líderes políticos da illa e de París, incluso o propio Chirac, apostaron firme e publicamente polo voto afirmativo. Entre os gañadores pola esquerda cómpre salientar aos comunistas. Máis alá das conviccións centralistas, a CGT, central sindical de forte tradición xacobina, segundo sindicato en importancia na illa, escolleu o referendo corso como oportunidade para devolver ao gabinete de Raffarin as labazadas que no ámbito social tenta impoñer dende hai varios meses contra o parecer da inmensa maioría laboral. O alcalde de Bastia, Emile Zuccarelli, do PRG, cun 70% do voto negativo, capitaliza coma ninguén tan intricado labirinto. En Ajaccio, a capital, tamén trunfou o non, se ben non tan abrumadoramente. Na illa non todo vai seguir igual. Administrativamente si, pero as posibilidades de remontar a presente crise cunha sociedade practicamente dividida a partes iguais, resultan delicadas. A menos dun ano das próximas eleccións rexionais, todas as forzas políticas deberán reacomodar o seu discurso e o movemento nacionalista enfróntase unha vez mais a un escenario de división e radicalización. A feble autonomía preconizada podía permitirlles avanzar na vertebración do país, tanto no económico, como no político, na superación do clanismo, esa arcaica pero verdadeira estructura cultural que aínda dificulta a conformación dunha auténtica sociedade civil que introduza dinámicas alonxadas desa tradición hereditaria que tanto contribuíu a lexitimar o propio estado francés, trabando o desenvolvemento da illa. Por outra banda, non debemos esquecer que se trataba do primeiro referendo local que se producía en Francia. Tan adverso resultado dificultará os propósitos descentralizadores que animaban a algúns lideres galos e que moitos no propio continente agardaban. Non haberá novas dinámicas políticas nin en Córsega nin en Francia. Cando menos, de momento. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/07/2003
|