Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Nada no medio
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 13/03/2003)
 
 

A xuntanza que o Movemento de Países Non Alineados (MPNA) celebrou a finais de febreiro na capital malasia apostou, na súa declaración final, por unha saída pacífica á crise de Iraq, un enunciado favorable pero ben tímido á lus do que se aveciña sobre un país membro, evidenciando a ambigüidade crítica dun movemento que atopa as naturais dificultades para concebir un espacio propio despois da caída do muro de Berlín.

Na actualidade, o MPNA agrupa a un total de 116 países, máis do 60 por cento dos integrantes de Nacións Unidas, en extensión territorial suman o 42 por cento da superficie do planeta, o 51 por cento da poboación mundial, pero “captan” un 4% dos investimentos estranxeiros e aportan un 14% da exportación total de bens e servicios, representando apenas o 9 por cento da riqueza universal. O seu maior lastre, ese fardo do 46 por cento da débeda total dos países en vías de desenvolvemento.

De 1955 a hoxe son moitas as cousas que pasaron sen que o MPNA atopara os camiños precisos para a actualización dun discurso que, con pleno sentido en tempos da guerra fría, precisaría hoxe de líderes políticos (Brasil foi un dos grandes ausentes) dispostos a renovar o movemento. ¿Queda sitio para os Non Alineados na posguerra fría? En teoría, podería habelo. Hai lugar para un terceiro espacio que milite na condena do unilateralismo estadounidense e reivindique a complexidade dun mundo que non se pode simplificar na célebre frase de Bush, quen non esté con nós está contra nós. Pero é unha empresa difícil para un MPNA que é máis heteroxéneo ca nunca, o que fai extremadamente delicado acadar unha coherencia que resulte de mínima eficacia.

Seis membros do MPNA (Angola, Camerún, Chile, Guinea, Paquistán e Siria) forman parte actualmente do Consello de Seguridade e de ter que votar unha segunda resolución destinada a respaldar a guerra, o seu parecer resultará decisivo. Pero agardar unha hipotética posición común, en consonancia co texto e o espíritu da declaración pactada en Malasia, é parte da utopía. Ao máis que chegan é a forzar a súa presencia no debate a celebrar no máximo órgano da ONU.

Probablemente, tan ampla diversidade, económica, política, social, relixiosa, étnica, etc., nas súas filas, faga pesar máis as diferencias que as posicións comúns. A proliferación de ámbitos supranacionais de carácter rexional con diferentes cometidos (MERCOSUR, Unión Africana, Asean, por citar algúns) semella unha fórmula máis acaída para os tempos que corren, ámbitos donde é posible aproximar posicións na defensa de intereses máis converxentes e pragmáticos; e deixando de lado, conscientemente, toda política que incomode a prepotencia da superpotencia.

A reunión do MPNA desperdiciou unha excelente ocasión para explicitar o descontento de tantos países do Sur, desconcertados ante o entusiasmo da maquinaria de guerra de Bush, quizáis confiando, coma no poema de Brecht, en que a ningún deles lle toque servir de diana na próxima edición da campaña “antiterrorista”. Cabería ao MPNA, pola contra, reivindicar a dimensión social do problema e argumentar a necesidade de urxir máis recursos para o desenvolvemento, un investimento seguro en paz e humanidade que desbarataría a raíz profunda dos conflictos. Pero este xigante é dos que teñen os pes de barro.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2003
Fernando Pol