| Presencia-Opinión |
| Mala conciencia Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 19/06/2003) |
|
Acertou a Fundación Carlos Casares, baixo a batuta de Damián Villalaín e con guión de Carlos Fernández, ao propor un debate sobre a figura da Corte Penal Internacional, para encetar os debates públicos do Café Voltaire. Pese ás disertacións concisas de Matías Movilla e Isabel Lirola, non houbo a penas tempo para afondar no tema e non poucos se quedaron coas ganas de intervir. Como querendo poñer o dedo na chaga, ao día seguinte podiamos ler nalgún medio que EEUU urxía á ONU a renovar a “inmunidade” dos seus soldados en misións de paz, que non poderán ser xulgados por crimes de guerra ante a Corte Penal Internacional. A petición de Washington viña precedida dunha carta confidencial, aireada polo Washington Post, na que Bush acusaba veladamente á UE de estar saboteando os seus esforzos diplomáticos para “protexer aos soldados americanos”. A ONU outorgou a inmunidade solicitada, coas únicas abstencións de Siria, Alemaña e Francia. España votou a favor. Un dos paradigmas da democracia é a existencia mesma dunha xustiza universal, independente e imparcial. Calquera demócrata subscribiría esta afirmación. Sen embargo, semella que o máximo defensor da democracia a nivel internacional, seica disposto incluso a sacrificar os seus soldados e a súa economía para garantir a liberdade a pobos tan distantes e lonxanos, mesmo culturalmente, coma o iraquí, desconfía e recea dos avances que se poidan producir nese terreo no plano internacional. E excluíndo a EEUU, as dúbidas sobre a eficacia desta Corte son tan lexítimas como abundantes. No seu día, os negociadores deste Tratado de Roma fixeron importantes concesións para incorporar mecanismos que puideran evitar o medo norteamericano ás “acusacións infundadas” a custa de facer depender o seu actuar, moi excesivamente, da cooperación gobernamental. Pero a Casa Branca, que intentou por todos os medios obter un poder de veto dos encausamentos, non desexa ataduras e a petición inicial de períodos temporais de inmunidade pode converterse a curto prazo nun status permanente que lexitime a intervención de Washington onde queira e como queira, sen ningún tipo de control internacional, nin político nin xurisdiccional. Os exemplos recentes, de Afganistán a Iraq, pasando por Guantánamo, son ilustrativos dabondo. A aversión por parte da Administración USA ao dereito cosmopolita, que debería pola contra recibir un gran aplauso dos demócratas, chega ata o punto de que o Sr Rumsfeld declaraba a semana pasada que a OTAN estaba estudiando deixar Bruxelas para eludir a xustiza belga, pais que permite, polo de agora, a persecución dos criminais de guerra. O xendarme mundial ten mala conciencia e sabe da fortaleza das súas capacidades militares pero tamén da febleza dos seus argumentos. A maior potencia militar do mundo non desexa estar vinculada ás mesmas normas que todos os demais. Queren ser “libres” para actuar en execución das súas “responsabilidades especiais”, como di Reed Brody, de Human Rights Watch, respecto da defensa internacional. Así as cousas, coa Corte Penal Internacional corremos o serio risco de reproducir o desequilibrado funcionamento do Consello de Seguridade, esa dobre vara de medir que se ampliaría e agravaría no ámbito da xustiza. A súa efectividade, de chegar a ser, será para os febles e os menos fortes, mentres que os todopoderosos e valedores acérrimos do sistema “democrático”, quedarán por riba da lei, evitando que a legalidade internacional poida ser utilizada “frivolamente e con fins políticos”. Bush prefire seguir elixindo víctimas propiciatorias e configurando tribunais á medida cunha sentencia escrita, no fundamental, de antemán; pero eludindo toda posibilidade de se converter en exemplo do vigor do propio sistema. EEUU queda fóra da lei. A única condena, de habela, terá que ser da historia. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003 |