Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Liberticidas
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 11/09/2003)
 
 

Non hai cenoria na política do goberno Bush. Cando se cumpre o segundo aniversario dos atentados do 11S, a acción pública, interna e externa, dos republicanos no poder en Washington persiste no camiño elixido: unilateralismo, prepotencia e universalización da presencia militar estadounidense en todo o mundo. Pao e só pao, irremediablemente cego, perversamente destructor da convivencia e da razón.

Múltiples analistas veñen reiterando a súa perspectiva de que a pobreza e as desigualdades constitúen o caldo de cultivo ideal para o avance do terrorismo como acción desesperada fronte á falla de perspectivas, a canella sen saída na que moitos pobos se atopan, sen forza suficiente para gañar o futuro pero coa coraxe necesaria para non darse por vencidos. Sen embargo, todas as iniciativas, de EEUU primeiro, pero tamén de moitos outros países ricos e desenvolvidos, se centran no ámbito da seguridade e a defensa para a que mobilizan inxentes recursos, nunca postos a disposición do avance do benestar social. Toda esa maquinaria medrou ostensiblemente despois do 11S, vencendo os mil e un obstáculos que atoparía noutras circunstancias para abrirse camiño co apoio non soamente de importantes sectores do Congreso norteamericano senón tamén da opinión pública.

Segundo Jeffrey Sachs, director do Centro para o desenvolvemento internacional da Universidade de Harvard, a axuda ao desenvolvemento de EEUU descendeu, en corenta anos, de máis do 0,7% do PIB a arredor do 0,1% (fronte a un 0,3% como media noutros países e ben lonxe do 0,7% fixado pola ONU como obxectivo perentorio). E dese 0,1%, a maior parte vai parar a países como Israel, mentres que o conxunto do continente africano non supera o 15% do total. O conxunto das axudas contempladas polos países desenvolvidos non superan os 100 mil millóns de dólares por ano, o equivalente do 10 por cento dos gastos militares. Claro que bastaría que na reunión de Cancún da OMC se modificasen as regras que dificultan o libre acceso dos países pobres aos mercados internacionais para igualar e mesmo superar esas contías. Pero nin é o caso nin o mercado “libre” semella que vaia por eses vieiros.

No ámbito interno, a combinación da Patriot Act do Sr Ashcroft, ministro de xustiza, co reiterado aviso de inminentes ataques que permiten cultivar esa constante da violencia intimidatoria que tan eficazmente denuncia Michael Moore, manteñen o escenario da psicose precisa, estimulada ata a paranoia con iniciativas como a do mercado de apostas que pretendía abrir o Pentágono como un foro imaxinativo de atentados terroristas que puidera servir de utilidade para prever e anticiparse a hipotéticas accións. Cousas de Wolfowitz.

Anque sexa en nome da defensa da liberdade, a paos e sen cenoria o mundo non funcionará e o liberticidio, como agora no Iraq, irase abrindo camiño. Dos 87.000 millóns de dólares que Bush reclama para Iraq, case o 80 por cento están destinados a gastos militares.

Todos sabemos que a axuda ao desenvolvemento constitúe un factor inapreciable de paz e de estabilidade. En Cancún, no G8, no Banco Mundial, no Fondo Monetario Internacional, no Consello de Seguridade, debería de entenderse que, despois do 11S, xa non é soamente unha cuestión de máis xustiza ou solidariedade. Non haberá maior nin máis eficaz protección contra a incerteza e a desesperación que a aposta polo desenvolvemento.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/09/2003
Fernando Pol