| Presencia-Opinión |
| Iraq sen Sadam Por Xulio Ríos (ECO, setembro/2003) |
|
Pasaron de lonxe os primeiros cen días dende a simbólica caída da estatua de Sadam Hussein en Bagdad, e a situación no país dista moito de estar normalizada. O norte kurdo parece estabilizarse coa consolidación da súa autonomía e a idea de crear un estado federal -pese ao relativo enfriamento das relacións entre Estados Unidos e Turquía-. No sur xiíta, onde medrou considerablemente a influencia de Irán, non existe unha resistencia armada activa, aínda que o rexeitamento á presencia militar da coalición internacional (liderada por Estados Unidos, con persoal de 19 países e cofinanciada por case tres ducias) é crecente. Os maiores problemas se dan no chamado triángulo sunita, onde se iniciou unha ”vietnamización” do conflicto coa consolidación dunha guerra de guerrillas que obrigou ao Pentágono a reorientar a estratexia militar. A remota posibilidade de que eses tres piares poidan unir as súas forzas e descontentos nunha mesma oposición nacionalista aos invasores ha facilitar o avance da estabilización, pero non sen sobresaltos graves coma o acontecido en Basora a mediados de agosto. O atentado contra a embaixada xordana en Bagdad pode interpretarse como unha reacción ao viraxe do reino hachemita en relación a Iraq trala morte do rei Hussein. Por outra banda, a polémica do informe non publicado pola Administración Bush sobre as supostas conexións dos servicios de espionaxe sauditas con Al Qaeda, contribuíu a distanciar aínda máis as relacións entre Washington e Riyadh. A proposta do gobernador americano en Iraq, Paul Bremer, para que un equipo de 150 especialistas iraquís estudiara a Constitución presentada polo Pentágono, foi bloqueada polo líder xiíta Ayatolah Al Sistani. O Consello Nacional Iraquí, encargou como contraproposta a un equipo de 25 especialistas iniciar un proceso consultivo entre o complexo mosaico étnico, relixioso, político e cultural do país para a redacción dunha Constitución. O representante do Secretario Xeral de Nacións Unidas, o brasileiro Sergio Vieira de Mello, manifestou recentemente o seu apoio á iniciativa, despois de visitar Exipto. Entre tanto, lonxe do conflicto, as ondas da guerra sacoden Downing Street, a Casa Branca e mesmo poida que cheguen á Moncloa, a xulgar polo ton dalgunhas informacións xornalísticas recentes. Se as armas de destrucción masiva, principal argumento utilizado para xustificar a invasión, non aparecen, todo quedará en entredito, viu a dicir Inocencio Arias, o diplomático español que cun verbo belicista cantara convencido as proclamas liberadoras de Colin Powell. Agora, pasado o tempo, comprobamos o engano. Poucos quererían a Sadam, pero en Iraq ninguén quere ser administrado por unha potencia ocupante que saquea as súas riquezas e mellora o saldo das empresas dos amigos de Bush co negocio xerado pola destrucción. A televisión xa non pode ofrecer as imaxes de entusiasmo nin dos vítores ás tropas agresoras. Todo vai quedando ao descuberto. E aínda así, pese ás múltiples evidencias da manipulación máis vergoñenta, os das Azores seguen nas súas trece e ninguén dimite. ¿Ninguén dimitirá? |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2003 |