| Presencia-Opinión |
| Iraq: non será guerra, serán “incursións
múltiples” Por Xulio Ríos (Canal Mundo, 18/03/2003) |
|
Instalados na esquizofrenia lingüística que alenta ese cinismo desgarrador dos novos tempos, a guerra inminente contra Iraq, sen declaración expresa aínda que mediando preaviso, servirá de finiquito para Sadam Hussein, noutrora útil aliado, chamando crise a un conflicto aberto, e incursións múltiples (como acontece con Israel en Palestina) á segunda guerra do Golfo. O das Azores non foi un Consello de Guerra; a mobilización de medios militares en Turquía non transgrede a negativa do Parlamento –chamado á orde pola cúpula militar-; Aznar segue empeñado en logra-la paz; o “eixe do ben” respecta cunha pulcritude raiana no malsano a legalidade internacional; a guerra é un mal negocio para a economía norteamericana (¡que espiritu de sacrificio!) ... ¿Seguimos? Sadam incumple as resolucións da Onu –coma Israel-; Sadam posúe armas de destrucción masiva –en calquera caso, coma Israel; Sadam é un perigo para os seus vecinos -¿e Sharon?- Causa auténtico pavor escoitar os argumentos dos adalides da guerra “por la libertad y la seguridad”, dos demócratas que aluden á “responsabilidade” para desoír o clamor e a denuncia cidadá. Iso sí, respectando a opinión dos que se opoñen. Estaremos seguros, queirámolo ou non. A Administración Bush está obsesionada con inaugurar un novo ciclo histórico marcado polo exercicio do inmenso poder do seu país. Pode ser o primeiro paso dun novo totalitarismo global, o do Imperio “benefactor”, empeñado en exportar o seu modelo de democracia e de liberdade aínda que sexa co custe de conducir á humanidade a un choque frontal de civilizacións. Primeiro, a islámica. Despois, a confuciana. Kissinger avisa: Corea do Norte será o seguinte. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2003 |