| Presencia-Opinión |
| Guerra e pobreza Por Xulio Ríos (ECO, xullo/2003) |
|
Segundo o Banco Mundial, de vivir nun país pobre, en declive económico e fortemente dependente da explotación dos seus recursos naturais, as posibilidades dunha guerra civil no horizonte son moitas e elevadas. Así se desprende dun estudio dado a coñecer en París e que leva por titulo “Saír da roda dos conflictos: guerra civil e desenvolvemento”. Os investigadores desta institución analizaron 52 casos de conflicto desenvolvidos no mundo entre 1960 e 1999, tratando de ultrapasar as circunstancias concretas de cada un para atopar as características comúns que os definen. Segundo as súas conclusións, hai tres factores económicos que son determinantes: o nivel de renda por habitante, a taxa de crecemento económico e a dependencia dos recursos naturais. Non hai, pois, tanto conflicto étnico como se pretende ver ás veces. Este non sería outra cousa que o espello no que se reflicten as outras tensións, as de fondo, as que atinxen a situacións de pobreza extrema, de economías en ruínas, paradoxalmente convivindo con recursos importantes que logo son obxecto de contenda por grupos enfrontados e que aspiran a subsistir. Para os investigadores do Banco Mundial, a diversidade pode chegar a influír como factor diluínte das tensións e non como agravante. Cando en África, poñamos por caso, se producen rebelións con base étnica, non é por que existan reivindicacións identitarias, senón porque os líderes de cada un dos grupos deben asegurar a cohesión do seu movemento. En realidade, se reparamos detrás da cortina de fume que disimula moitos obxectivos, atoparemos recursos naturais de certa xustificación como base de movementos secesionistas e outros. O informe, dirixido polo economista británico Paul Collier, asesor do vicepresidente do Banco Mundial para a África subsahariana, fíxose público adrede na véspera do cumio do G8 en Évian, precisamente para chamar a atención dos líderes mundiais para que comprometan políticas que camiñan nese dobre sentido: democracia e desenvolvemento. Sen unha a outra non funciona e viceversa; e sen as dúas, as posibilidades de guerra son elevadas. Para Paul Collier, os datos que se desprenden do informe, salientan a necesidade de contemplar os factores sociais e económicos no ámbito da prevención de conflictos. Se os ignoramos ou os desprezamos dificilmente poderemos imaxinar sociedades estables. Para evitar que a riqueza poida acabar sendo unha maldición, cómpre unha axuda, pero non calquera. Importa actuar sobre programas e non sobre proxectos, pensando a longo prazo e non no inmediato. Esa axuda debe contribuír ao reforzamento das institucións democráticas para que os espacios de diálogo gañen lexitimidade e a volta ao conflicto resulte innecesaria e impensable. Pero sobre todo, o mellor colchón será sempre unha política económica que evite a caída brutal dos prezos das materias primas nos mercados internacionais que conducen a moitos países a un nivel de pobreza dificilmente soportable. Esa “xenerosidade” debería ser compensada nos países fornecedores con mecanismos transparentes de xestión que permitan constatar que os recursos xerados son destinados realmente a dinamizar o país, a procurar máis benestar para as súas xentes e non para engordar as contas duns lideres formados en Occidente na súa inmensa maioría e onde conservan fabulosas contas en divisas. Tamén acabando con algúns paraísos se poderían evitar algúns infernos. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2003 |