|
Voces piadosas reclaman unha guerra corta, que a agresión remate canto antes, e que o número de
víctimas civís sexa o máis reducido posible. Sen embargo, un balance asi resultante, sempre
moralmente desexable para evitar sufrimentos e reducir a calamidade, presenta como contrapunto a lectura “positiva”
da contenda por parte dos seus instigadores. As guerras de “novo tipo” das que fala Rusmsfeld, o xefe do Pentágono,
serían guerras fulminantes, precisas e limpas, por mor do potencial bélico e tecnolóxico da
hiperpotencia.
Segundo a propaganda informativa que se nos está ofrecendo, o avance agresor vai a marchas forzadas.
O xeneral Wesley Clark prognosticara unha guerra de dúas semanas e con ise calendario semellan executarse
as operacións. Ao anunciar unha guerra “longa e dolorosa”, Bush quere curarse en saúde ante sorpresas
desagradables que nunca poden descartarse. Pero a razón da desproporción e o cansancio dunha sociedade
como a iraquí, farta de guerras e de embargos, pode facilitar os propósitos do Pentágono.
Máis complexa pode ser a posguerra, na que debe facer fronte, cando menos, aos seguintes retos:
- A reconstrucción de Iraq. Non soamente a económica, senón sobre todo a política.
No inmediato é o asunto máis delicado. O fráxil equilibrio entre xiítas –maioría
da poboación- e sunnitas –minoría gobernante- estaba xestionado polo Baas. Moitos agardaban que os
xiítas acolleran as tropas “liberadoras” con vítores e aplausos e que axiña se sumarían
á operación de venganza contra os sunnitas, que sustentan a Sadam. Esa ecuación, sen embargo,
non funciona. Se hai episodios fratricidas serán esporádicos. O proxecto da administración
ocupante consiste en artellar un novo Estado descentralizado, con autonomías (¿co asesoramento de
Aznar? ¿será ese o “destino internacional” que lle agarda?) para ambas comunidades. Tamén
para os curdos, aínda que estes loitarán ata o final por aproveitar a fenda da historia para acceder
a un Estado propio. Ankara é consciente dese perigo e por iso mobiliza as súas tropas no Curdistán
iraquí. Harmonizar toda esta fragmentación sen un liderato claro non será doado. Ollemos para
Afganistán: o país non existe mesmo nalgúns barrios da capital.
- Preocupación no Golfo. Todos saben que na axenda oculta desta guerra figuran dous elementos innovadores:
o reforzamento da posición intervensionista de Estados Unidos e a remodelación dalgunhas fronteiras.
Alén de Iraq, a preocupación se extende a Irán, a Siria, á propia Arabia Saudí
e chega ata Paquistán. Os gobernos da zona deberán plegarse ainda máis ás esixencias
de Washington, exacerbando as tensións coas súas sociedades que estes país, pese a que moitas
televisións as ignoran, irrumpen nas rúas protestando pola agresión contra Iraq. A prioridade,
en teoría, debe ser a proclamación do Estado palestino. Os últimos movementos no seo da ANP
semellan orientarse nesa dirección, fabricando un segundo de Arafat que evite a Powell e Sharon ter que
entrevistarse con el. Segundo algunhas fontes, o primeiro paso no novo arranxo será a “limpeza étnica”
dos territorios ocupados, expulsando a todos os palestinos da zona cara Xordania donde se proclamaría o
novo Estado. O “éxodo palestino” significará un trunfo das teses belicistas do criminal de guerra
Ariel Sharon.
- O cisma entre os aliados. As relacións transatlánticas están seriamente danadas. ¿Poderán
reconducirse? ¿A que prezo? ¿Insistirán Francia e Alemaña e achegar a China e Rusia
para manter o distanciamento de EEUU? ¿qué será do euro? Toda a discusión sobre o futuro
de Europa, a arquitectura institucional e, naturalmente, a política exterior e de seguridade común
voou polos aires. E que dicir do alargamento? A maior parte dos novos países que formarán parte da
UE a partir do 2004 son pro-americanos. ¿Financiará Alemaña os fondos de cohesión para
uns países que, como a agradecida España, chegada a hora da verdade do europeísmo, se transmutan
en caniches sumisos do Sr Bush? A cuña introducida pola Casa Branca no proceso de construcción europea
impón no inmediato un ineludible parón reflexivo.
- Incertidume no mundo. Por último, a conducta das potencias agresoras, con total desprezo da legalidade
internacional, e as aseveracións de Bush a propósito da ONU inducen a pensar que estamos ante o inicio
dunha estratexia de derrube das institucións xurdidas da Segunda Guerra Mundial. Resulta obvio que algunhas
están desfasadas, pero tamén están identificados os países que maiores resistencias
amosaron nos últimos anos a calquera reforma, entre eles, Estados Unidos. ¿Unha nova organización
internacional integrada por países que comparten o tridente democracia-mercado-liberdade? Sería a
consecuencia lóxica do “ou con nós ou cos terroristas? ¿Será José Mari o presidente
desa nova organización internacional, o supercomisario do mundo libre? Os próximos cinco anos serán
decisivos para pechar o interregno aberto en 1991.
|