Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
De Afganistán a Iraq, as rutas do dominio mundial
Por Xulio Ríos (CIG-Avantar, xaneiro/2004)
 
 

Un dos argumentos principais esgrimidos polos promotores da guerra contra Iraq consistía na promesa dun arranxo dos contenciosos existentes en Oriente Medio e que lastran as posibilidades de desenvolvemento para as sociedades que habitan esta castigada rexión. A desaparición de Sadam Hussein había ser a pedra de toque capaz de virar a todo o mundo árabe cara a democracia e a liberdade. Moitos nos preguntabamos daquela o por qué de tanto empeño con Iraq de ser ese o motivo de fondo e por qué non se comezaba a luminosa orde da “expansión democrática” cos “amigos” kuwaitíes ou sauditas, por situar dous exemplos claros e de referencia, cos que debía ser mais doado, menos custoso e sobre todo menos dolorosa a consecución do sacrosanto pluralismo e o benestar. Esa incoherencia daba de cheo na liña de flotación das razóns dunha coalición que tentaba disfrazar así o seu colonialismo de novo cuño e as súas ansias de dominio das riquezas presentes en Iraq.

Durante e despois da guerra formal, pasado canto aconteceu nunha das rexións mais quentes do planeta e canto aínda está a pasar ante a resistencia fronte á ocupación, nada invita a pensar que o conflicto que enfronta a palestinos e israelís avance por camiños de diálogo e negociación. Pola contra, en Tel.-Aviv asúmese a idoneidade da doutrina do ataque preventivo para reprimir a Intifada, destruír os mínimos restos da autoridade palestina; anular a Arafat e desesperar a toda unha sociedade que non atopa mellor camiño que a vinganza para dar renda solta á súa frustración. Israel recorre á defensa preventiva para xustificar a construcción dun novo valado de varios metros de altura que é obxecto de condena pola maior parte das nacións libres do mundo, mentres EEUU, o paladín da non segregación, secunda e aplaude de facto a mesma iniciativa que antes da guerra dicía ser equivocada. A guerra pasou e todo na zona vai a peor. Pero Bush segue apoiando sen reservas a Sharon. ¿Ou é Sharon quen apoia a Bush? O control estadounidense de Iraq dálle vantaxe a Israel na súa política de dominio da rexión.

A preocupación siria é comprensible. A seguir da guerra, o primeiro ataque israelí contra Siria en vinte anos foi presentado como unha resposta ao atentado suicida de Haifa. O ataque, co visto e prace dunha Administración Bush que se negou sistematicamente a condenalo no Consello de Seguridade de Nacións Unidas, deixou entrever que as diferencias xurdidas arredor da guerra contra Iraq non se solventaron de todo. EEUU acusaba a Damasco de posuír armas de destrucción masiva e promover o terrorismo, de acoller a Sadam Hussein e outros altos funcionarios do goberno. Rumsfeld utilizou a Siria como chivo expiatorio para xustificar as dificultades iniciais na guerra contra Sadam e mesmo chegou a ordenar o deseño de plans de ataque contra este país. Pero as dificultades de Bush en relación a Siria son notorias, especialmente porque lle falla un aliado decisivo, Reino Unido –o presidente Asad casou cunha británica-, que mantén boas relacións con este país. Outro tanto acontece con Francia, que foi a súa metrópole colonial; ou con Rusia, herdeira dos tradicionais vínculos coa Unión Soviética. Bush danaría todas estas relacións de producirse un ataque a Siria. A Israel preocúpalle nada a reacción europea ou rusa e o nerviosismo de Siria ábrelle o camiño de Irán, moi solidario con Damasco por ser o único goberno árabe que apoiou a Teherán na guerra entre Irán e Iraq. Israel sempre desempeñou un papel provocador no empeoramento das relacións entre EEUU e Siria.

Como mostra de boa vontade, Siria pechou a fronteira con Iraq e mesmo expulsou discretamente a algúns iraquís. Tamén impulsa a creación dunha zona libre de armas de destrucción masiva na rexión, unha medida que debe servir para lembrar a quen a acusan de posuír armas biolóxicas e químicas, que Israel conta cun coñecido programa de armas nucleares que soamente a AIEA, tan escrupulosa con Iraq ou Corea do Norte, semella ignorar.

É certo que Siria, coma outros países árabes, apoian a organizacións que Israel e EEUU cualifican de terroristas. Para Damasco son organizacións armadas contra a ocupación israelí. Ese apoio, directo ou encuberto, non vai ceder, fundamentalmente, solidariedades aparte, porque constitúe un elemento de presión sobre Tel Aviv, o único que realmente pode utilizar dada a diferencia de capacidade militar, para recuperar os Altos do Golán, perdidos na guerra de 1967. Imaxinar a devolución deste territorio podería operar un cambio substancial na actitude siria. Pero Sharon non entende de cesións.

Pensar que todos os problemas teñen unha solución militar ou que poden extremarse ata o punto de non haber outra, demostrouse, en corenta anos, como unha reflexión insensata e incapaz de xerar a estabilidade e convivencia pacífica entre os pobos en conflicto. Non hai seguridade posible para os israelís a partir da lóxica da forza. É un camiño totalmente suicida. O uso e abuso da forza conduce a unha canella sen saída.

E despois de Siria, Irán está en lista de espera. Pese aos intentos da Unión Europea (UE) de abrir canais de comunicación que permitan afrontar as posibles diferencias de modo pacífico, EEUU adopta sancións económicas e diplomáticas para destruír a mínima resistencia que poida existir ao seu dictado. A febleza exterior da diplomacia comunitaria serve de pouco en Oriente Medio. Dispón da chave mais importante, a económica e comercial, pero non fai uso dela, aínda a sabendas de que as repercusións da canto aconteza na rexión sumarán no seu debe, como xa aconteceu en Iraq e por partida dobre. Francia debeu condonar a débeda iraquí para aspirar, sen moitas garantías, a unha mínima porción do negocio da reconstrucción iraquí. Pase o que pase nos próximos meses, calquera que sexa quen se instale en Bagdad, en Basora ou en Mosul, EEUU será quen controle todo o poder moito mais do que o pode controlar en Arabia Saudita, en Xordania ou en Exipto. EEUU formará o novo Exército, a nova policía, dispostos ambos a poñer orde e reprimir os disturbios, controlará as súas empresas e farase coa explotación do seu petróleo. Para que nada falte, vinte ou trinta mil militares quedarán no seu territorio por dez, vinte ou trinta anos, como aínda están en Alemaña, en Xapón, en Corea, en Kuwait ...

Os iraquís demostraron ao longo da súa historia que non serán dóciles con ningunha ocupación estranxeira. Fixéronllo saber aos ingleses en 1920 e as tropas de ocupación están a experimentar a súa resistencia en 2003, un fenómeno que seguirá presente por moito tempo, pese á detención de Sadam. Por iso, Mr Bremer quere apurar ao máximo o seu programa de “iraquificación”, para que sexan as autoridades locais quen asuman o cargo directo da situación, con man firme e co seu respaldo. Porque será necesaria unha man moi firme para evitar o agravamento das tensións actuais. E por iso mesmo, finalmente, EEUU renunciará tamén, aquí e en todo Oriente Medio, á instalación duns mínimos modos democráticos, apuntalando un pouco mais o autoritarismo. Será o procónsul Bremer quen elixa aos iraquís gobernantes e serán eles quen controlen as grandes orientacións e as máis importantes decisións. E será o principio do gran negocio do reembolso do que hoxe tanto lle custa en vidas humanas e en medios materiais. Os americanos saben contar.

Pero tanta certeza de dominio, lonxe de conducir a un escenario de maior estabilidade e seguridade na zona, ben pode aportar todo o contrario. Nunca a estabilidade xurdiu da inxustiza. E as súas onda expansivas non se poderán conter no estreito escenario rexional. As rutas do dominio estadounidense atoparán diques de contención para asegurar unha multipolaridade equilibradora, que evite un novo hexemonismo universal en nome da democracia. Ou os conflictos irán a máis e a peor. Rusia, China, India, Brasil, países de envergadura demográfica, económica ou política considerable, multiplican os seus vínculos compartindo unha mesma filosofía neste aspecto: diplomacia preventiva en vez de ataque preventivo, loita contra a pobreza e o subdesenvolvemento como mellor fórmula para garantir a seguridade, defensa da ONU como autoridade universal mellorable. A Unión Europea, dividida e en horas baixas, é a gran ausente, presa das súas contradiccións e ambigüidades.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/12/2003