Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
Áqaba
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 05/06/2003)
 
 

Apartado Arafat, languidecendo no seu exilio interior, o presidente Bush impulsa unha nova volta de rosca no Oriente Medio e consegue sentar a Abu Mazen e Ariel Sharon para debater en Xordania sobre a aplicación da Folla de Ruta, a nova guía para a solución do conflicto que enfronta en Palestina a árabes e xudeus. Despois de que Tel Aviv dese o seu visto e prace ás grandes liñas xerais do documento e de varias reunións previas celebradas entre as partes e con cinco xefes de estado árabes, o terreo do cumio debería estar o suficientemente preparado para evitar sorpresas.

Poida que en Áqaba asistamos a unha nova paréntese esperanzadora, pero Sharon xa anunciou as súas 14 obxeccións á Folla de Ruta, rexeita o dereito ao retorno dos palestinos e continúa esixindo o cese total da violencia como paso previo a calquera negociación. Segundo fontes diplomáticas, Israel pactou coa Administración Bush dúas concesións adicionais e relevantes: a conxelación dun eventual desmantelamento das colonias xudeas e o protagonismo exclusivo de Washington na verificación do plan, marxinando á Unión Europea, Rusia e a ONU, que conforman o cuarteto da Folla de Ruta. A Casa Branca entende a Sharon.

Abu Mazen, o primeiro ministro palestino, ofreceu unha tregua que a Israel sábelle a pouco. As organizacións que forman o núcleo duro da Intifada, asumiron a oferta nunha conxuntura especialmente difícil para elas. As presións de Estados Unidos sobre Irán, e sobre todo Siria, están a dar algúns froitos. Pero ¿cabe confiar en Sharon? O camiño sen saída en que se atopa o conflicto incrementa a sensación para todas as partes de que non é posible pensar nunha victoria militar, a pesar desa esmagadora superioridade de medios de Israel que atopa na conciencia palestina un muro fronte ás lamentacións. O lobby xudeu en Washington, co terreo gañado en Iraq e repartindo presións nos países díscolos da zona, aspira a aproveitar o momento actual para chegar a un novo statu quo que permita deter a sangría económica que supón o financiamento dunha maquinaria de guerra que non conduce a nada. Sharon cualificou a proposta actual como “mal menor” e o obxectivo final da creación dun Estado palestino en 2005 é asumido a regañadentes.

Será moi complexo abordar os principais factores que están na orixe dun conflicto que divide irremisiblemente a árabes e xudeus. O estatuto de Xerusalén, cidade santa para o Islam, o xudaísmo e o cristianismo e que Israel define como “cidade eterna”; os refuxiados, que esixen concrecións respecto ao seu dereito ao retorno e unha compensación polos danos inflixidos; os asentamentos, é dicir, o futuro das colonias de xudeus en Cisxordania, un territorio que teoricamente debería volver a mans palestinas pero que está salpicado de mil obstáculos que afectan a grupos concretos de cidadáns moi radicalizados e militarizados, temerosos do seu futuro no caso dun hipotético desaloxo; os acordos en materia de seguridade, dende o control das armas na zona, a desmilitarización progresiva da convivencia e das relacións ata a colaboración entre as policías de ambas colectividades; a delimitación das fronteiras, que atinxe tamén á continuidade territorial e á propia identidade dese Estado palestino que debe simbolizar a recuperación do seu país; por último, o acceso á auga e a pluralización do seu uso, de xeito que a comunidade palestina non sexa discriminada.

Son moitos os obstáculos e demasiadas as ocasións frustradas. Mahmoud Abbas, alias Abu Macen, ten ante si enormes dificultades. Xurde con poder real marxinando a Arafat e coa bendición de Estados Unidos e do cuarteto, quen lle impuxeron claras condicións para garantir o inicio deste novo episodio. A desconfianza afecta non soamente a israelís e árabes, senón que tamén existe entre os propios palestinos. Mentres, Sharon estará en Áqaba pero con claros síntomas de continuidade respecto á súa política de sempre. ¿Podemos ser optimistas?

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/06/2003
Fernando Pol