| Presencia-Opinión |
| Anna Lindh Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 18/09/2003) |
|
O asasinato da ministra de asuntos exteriores de Suecia, Anna Lindh, invita a pensar que lonxe da casualidade ou da fatalidade, o peso da intriga e a maquinación na política é cada vez maior nos nosos días. Aínda non fora soterrada e xa algunhas voces se apresuraban a dicir que a mellor homenaxe que se lle podía facer consistía na emisión dun voto afirmativo no referendo do euro que se celebrou este domingo, tratando de condicionar emocionalmente o resultado da consulta. Ata aquel momento, todas as enquisas confirmaban a derrota das teses do goberno, posicionado a favor do si, cunha marxe mínima de dez puntos. Despois do asasinato, por primeira vez, os resultados se igualaron. Un empate técnico suxerido pola morte da ministra Lindh. Sen embargo, defensora como era dos valores democráticos, a mellor maneira de homenaxeala debería consistir en votar simplemente a conciencia e en liberdade. Coma fixeron moitos cidadáns suecos, democraticamente adultos. ¿Conspiración? ¿Cómo non pensar nela coma unha hipótese seria? Despois de repasar os mil e un enigmas que aínda pesan sobre o 11S ou as burdas mentiras e manipulacións que rodean a invasión e destrucción do Iraq e a cruzada internacional contra o non-terrorismo de estado, se tan pouco importan as vidas de tantos inocentes, sacrificados no altar da política que precisa o Sr Bush e demais servidores locais e estranxeiros para acentuar o dominio mundial estadounidense e coutar todos os perigos que o poidan ameazar, toda acción pode ser útil se vale como instrumento de pode, como fenómeno alterador das conciencias libres. A excepción parece ser hoxe a regra. Non hai diques de contención e os mecanismos democráticos, medio baleiros, adoecen de clara insuficiencia para que unha cidadanía desamparada poida sentirse con capacidade de influír na evolución das cousas. Anna Lindh non soamente era unha partidaria firme do euro. Ante todo, era unha socialdemócrata de esquerdas, pacifista, feminista. Tamén europeísta, claro. Lindh non soamente podía substituír ao actual primeiro ministro de Suecia, Goran Persson. Tiña condicións dabondo para desempeñar un importante papel na recuperación do discurso da socialdemocracia, en Europa e no mundo, acentuando o seu perfil de esquerda e a súa sensibilidade cara os novos movementos sociais, a ecoloxía ou a igualdade de xéneros, variables nas que se sentía especialmente cómoda. Un movemento no que faltan líderes de peso, taponados por figuras prescindibles como Blair ou Carlos Andrés Pérez, belicista entusiasta un, golpista corrupto, outro. Ambos amados e útiles para o conservadorismo en boga en Washington, a diferencia de Lindh. O nome de Lindh queda irremediablemente unido ao de Olof Palme, asasinado un 28 de febreiro de 1986 á saída dun cine, crime aínda sen clarexar; ou de Oskar Lafontaine, acoitelado tamén no pescozo, salvando a vida pero véndose na obriga de abandonar a política na que militaba dende posicións críticas e de resistencia ao entreguismo de Schroeder ou de Blair. Se algo teñen en común estas tres figuras da socialdemocracia é a crenza nun discurso menos domesticado e a súa desconfianza, cando non reserva pronunciada, do amigo USA. Crían no papel singular de Europa nun mundo multipolar. Lindh, cunha carreira política asentada na defensa dos dereitos humanos, inimiga a morte da pena de morte e firme partidaria da Corte Penal Internacional, se atreveu a intervir persoalmente ante as autoridades norteamericanas cando o nome do sueco de orixe somalí Abderisak Aden apareceu nunha lista de sospeitosos de terrorismo en EEUU. Nos tres casos abondan argumentos para pensar nunha acción premeditada de quen (autor material ou inductor) persegue algunha finalidade política. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 18/09/2003
|