Presencia-OpiniónVolver ó índice / Asia
A triangulación coreana
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 24/04/2003)
 
 

Non será o diálogo bilateral que reclamaba Pyongyang, pero tampouco o multilateral que esixía Washington. Esta semana, en Beijing e coa mediación explícita desa China sacudida gravemente pola forza dunha pneumonía atípica, debe celebrarse un encontro triangular para por fin ao punto morto derivado da falta de concesións de ambas partes e sentar as bases do enfriamento do proceso e da solución do problema nuclear que enfronta a EEUU e Corea do Norte dende hai seis meses. Rumores difundidos desde Australia sobre unha posible fuga de científicos norcoreanos, episodio rapidamente desmentido por Pyongyang, e outros malentendidos poderían aínda impedir a celebración do encontro, evidenciando a fraxilidade do entendemento logrado.

¿O primeiro obxectivo? Procurar avanzar cara atrás ata o xusto punto onde quedara antes da crise, cumplindo ambas partes co pactado: peche das centrais e do programa nuclear e reanudación do subministro de combustible, o que se traduciría inevitablemente no regreso de Corea do Norte ao Tratado de Non Proliferación Nuclear.

Os principais diarios de Corea do Sur destacaban estes días o crucial papel desempeñado por China, en primeiro lugar, para impedir unha condena expresa do actuar de Pyongyang por parte do Consello de Seguridade de Nacións Unidas que sería interpretado por Corea do Norte como un paso máis na escalada agresiva contra o seu país. Esa exitosa oposición lexitima algo máis a Pequín para forzar un cambio de actitude de Kim Jong Il. Algunhas voces descartan a posibilidade de que EEUU emprenda unha campaña militar para acabar co réxime norcoreano, pero o rápido trunfo en Iraq podería alentar novos impulsos para unha liquidación expeditiva do eixe do mal. Queda máis dun ano ata as próximas eleccións estadounidenses e ben sabemos todos que modelo de campañas electorais se gastan por eses lares (militares e a quilómetros de estancia para gañar en amplitude televisiva). China, que precisa paz para afortalar o seu desenvolvemento, non pode permitir que un conflicto desa magnitude se desenvolva ás súas portas.

A non proliferación nuclear na península coreana pode ter solución no marco diplomático, sen necesidade de recorrer á forza armada, sempre que exista vontade clara neste sentido, o que implica facer renuncias para chegar aos equilibrios mínimos. Non haberá Tratado de non agresión con EEUU pero este debe dar garantías suficientes e, sobre todo, permitir a reanudación dos subministros enerxéticos e outras axudas. Do contrario, mesmo é posible asistir a unha case inmediata proclamación de Corea do Norte como estado nuclear.

A desta semana é unha oportunidade importante para encamiñar este conflicto. Rusia, Xapón e Corea do Sur, que aceptaron con comprensión a súa ausencia, seguen atentamente a evolución, en permanente contacto cos respectivos aliados. Probablemente, unha das situacións máis incómodas sexa a de Roh Moo-hyun, presidente de Corea do Sur, que en maio debe visitar a Bush para tratar de convencelo da necesidade de proseguir coa política de distensión co Norte. O seu antecesor non o conseguiu.

Paradoxalmente, incluso nestes meses de tanta escenificación de hostilidade por parte de Corea do Norte e EEUU, as relacións co Sur desenvolveronse con sorprendente normalidade, nin houbo que falar de movementos militares fóra do normal que indicasen un medre da tensión efectiva, máis alá da verborrea duns e doutros. É por iso que a hipótese dun conflicto artificioso destinado a argumentar a necesidade dunha presencia americana permanente na rexión segue a contar con tantos adeptos. Pero, en todo caso, Pyongyang debe entender que unha vez abatido Iraq, é o seguinte na lista e o perigo ou se esquiva ou aumenta.

 
 

Xulio Ríos es director del IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 23/04/2003
Fernando Pol