Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
A subasta de Iraq
Por Xulio Ríos (Galicia Información, 26/10/2003)
 
 

Que a Conferencia de Donantes celebrada en Madrid rematou en fracaso parece estar fóra de toda dúbida. Os denodados esforzos por presentala como un éxito sen paliativos son ben evidentes. Dime de que presumes e direiche de que careces, di o refrán. Non houbo “xenerosidade” por parte de ninguén. Cando se trata de diñeiro todos son da mesma relixión, dicía Voltaire. Había que facela e fíxose, pero os compromisos reais foron escasos. Para mostra, o intento de Kuwait de incluír no cómputo da súa achega todo o diñeiro comprometido ata agora no apoio loxístico ás tropas invasoras, antes, durante e despois da guerra. Moita liña de crédito, moito crédito á exportación, pero pouca doazón. E naturalmente, que ninguén mente a condonación da débeda externa, dez veces superior como mínimo ao recadado en Madrid e que crecerá máis e máis ata converter un país rico, anegado de petróleo, noutro dependente e empobrecido, atado de pes e mans para poder “progresar”.

Pero con independencia do escuro e confuso resultado cuantitativo desta poxa polo negocio da reconstrucción, o peor foi o espectáculo ético, totalmente obsceno e depravado, de contemplar aos mandatarios dos principais países agresores e os seus cómplices, desvivíndose por devolverlle a “dignidade” ao pobo iraquí. Ou aos propios representantes do gabinete de cartón iraquí recriminando a Francia ou Alemaña o seu escaso compromiso co negocio, despois de distanciarse con moito sentido e máis cautela dunha guerra que ofende á conciencia da humanidade. Nin o máis mínimo signo de arrepentimento, de pesar polo mal causado. Os emisarios do Vaticano, presentes na reunión, deberían pasalos a todos por un confesionario, nada máis atravesar o detector de metais.

Poderes públicos e empresas privadas unindo esforzos nunha mesma dirección: o saqueo humillante de Iraq despois de reducir a practicamente cero as súas infraestructuras nunha guerra sen argumentos como se está a demostrar todos os días. Quen dixo que o Estado está para servir ás grandes empresas e corporacións transnacionais? Todos reclamaban máis seguridade sobre o terreo. Esa pagarémola todos. Os empresarios involucrados na operación, probablemente de misa de domingo e Biblia de cabeceira, a destilarán en forma de beneficios para os seus petos.

“Los ladrones somos gente honrada”, debería ser o slogan deste encontro de Madrid que vai sumando fitos nesa perversión da linguaxe a que nos teñen acostumados os líderes deses novos países con exércitos “humanitarios”, comprometidos a golpe de mísil coa defensa da liberdade, aínda que finalmente quede reducida á participación, poñamos por caso, dunha afgana (residente en EEUU) en biquini nun concurso de beleza. Bondades do mundo da imaxe para escurecer a crueldade que habita en tantos rostros destruídos.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/10/2003
Fernando Pol