Presencia-OpiniónVolver ó índice / Oriente Medio
A petroguerra
Por Xulio Ríos (Voceiro nacional do BNG, marzo/2003)
 
 

O petróleo desempeña un papel substancial na explicación das razóns ocultas que están no cerne da guerra contra Iraq. Segundo Michel Renner, do Worldwatch Institute, Estados Unidos precisará importar en 2025 o 70 por cento dos seus recursos enerxéticos fronte a un 55 por cento en 2001. Por mor do esgotamento dos xacementos propios e dos ubicados nos países productores non membros da OPEP, a maior parte do seu aprovisionamento deberá proceder do Medio Oriente.

O Golfo Pérsico representa aproximadamente o 65% das reservas mundiais coñecidas e procura o 30 por cento da producción mundial de petróleo. Arabia Saudí, primeiro productor, representa a cuarta parte dese total, pero a clave está en Iraq. As súas reservas ocupan o segundo lugar en importancia, cunha salvedade que en moitos desperta as máis insaciables ambicións: a maior parte do seu territorio está por explorar.

O acceso ao petróleo do Golfo é clave para Estados Unidos. Nas últimas décadas maquinou mil e un plans para garantirse unha posición de influencia e de control xeopolítico da rexión, unhas veces por medios armados, outras por vías económicas. A instalación en Iraq dun goberno amigo salvaría un obstáculo importante. As empresas norteamericanas e británicas viñan contemplando con estupor os avances de TotalFinaELf, a multinacional francesa do sector, confortablemente instalada en Bagdad. Empresas rusas e chinesas facían o propio, perdendo o medo á presión estadounidense. Os respectivos países resucitaban de cando en vez no seo da ONU a necesidade de rematar coa política de sancións. Non é de estrañar o seu posicionamento fronte a unha campaña bélica que non lle garante en absoluto a pervivencia dos vencellos comerciais actuais. A unanimidade na aprobación da resolución 1441 foi un espellismo.

De Asia Central a Africa, Estados Unidos procura o control de todos os recursos posibles e manobra para debilitar aos potenciais rivais (Unión Europea, Rusia, China). Cuestionadas seriamente as relacións con Riad despois do 11S, Washington precisa diversificar en maior grado as súas importacións. A industria petrolífera de Bagdad é fundamental para controlar o mercado do sector e o conxunto da economía mundial, para debilitar a influencia da OPEP e reducir a importancia de países como Rusia ou Venezuela. En Iraq gañaría o tempo preciso en tanto se constrúen as infraestructuras necesarias para explotar os recursos de Asia Central e outros lugares (Madagascar, Congo, Guinea, corno de África), donde a presencia civil e militar norteamericana, ao abeiro da loita antiterrorista, comeza a adquirir sinais de permanencia.

E para acadar esta paz negra, nada mellor que garantirse unha posición hexemónica incontestable, non pola vía dun liderato moral, ideolóxico, ou económico, senón da única maneira en que temporalmente se poden soster as situacións de inxustiza: cun orzamento en defensa que equivale ao 36 por cento do total dos gastos militares do mundo enteiro, máis que a suma total dos comprometidos por Reino Unido, Francia, Alemaña, Rusia, Xapón, China ou India. Moito poderío, pero sempre insuficiente para quen pretenda basear a súa razón na máis indecente arbitrariedade.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/02/2003