Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
A Onu e a guerra
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 06/03/2003)
 
 

Todo un papelón, o de Nacións Unidas na crise. O intento da Administración Bush de lexitimar o seu inminente ataque contra Bagdad sitúa o Consello de Seguridade nun dos momentos máis cruciais da súa historia recente. Se a máxima instancia da ONU rexeita a resolución presentada polo triunvirato Aznar-Blair-Bush, o presidente de EEUU xa adiantou que prescindirá da Organización e que ficará “relegada” na nova orde mundial. É unha resolución para gañar e comezar a guerra, nada máis. Os termos da declaración de Bush son imprecisos, pero as consecuencias son imaxinables: dende a suspensión da máis elemental cooperación ata a retirada, temporal ou definitiva, declarando urbi et orbi a súa obsolescencia.

Por outra banda, se os membros non permanentes ceden á presión e o Consello emite un voto favorable (con ou sen veto de Francia), ante os ollos de boa parte da opinión pública mundial, de por si escaldada ante o permanente dobre raseiro que impoñen os estados máis poderosos, a ONU quedará totalmente desacreditada, ao revelarse como un dócil instrumento sometido aos imperativos estratéxicos da actual administración norteamericana.

A capacidade de presión sobre os indecisos é evidente. Segundo Simon Chesterman, da Academia Internacional de Paz de New York, cando en 1990 Iemen votou en contra da resolución 678, saiulle a broma nunha reducción anual de 70 millóns de dólares da axuda ao desenvolvemento. Pobres (Camerún, Guinea, Angola), empobrecidos (Bulgaria) ou en extremo dependentes por razóns estratéxicas (Paquistán) ou económicas (Chile, México), todo semella inclinar a balanza en contra dos países que militan no bando da paz (Siria, China, Rusia) a carón dos “traidores” (Alemaña e Francia).

¿Pode haber sorpresas? Do 17 ao 21 de febreiro, Walter Kansteiner, secretario de estado de asuntos africanos, percorreu as capitais dos tres países do continente negro. EEUU é o primeiro investidor en Angola e o país non está en condicións de rexeitar ningunha axuda adicional que poidera acarrexar. Camerún, pola súa banda, mantén aínda estreitas relacións con Francia pese á cada vez maior presencia de EEUU nos seus dominios petroleiros. Con Guinea a balanza inclinase tamén do lado de Washington que prestou axuda militar a Conakry para repeler os ataques da guerrilla. Aínda así, Francia é o seu principal socio económico e o seu presidente, Lansana Conté, expresa, en público e privado, a súa oposición á guerra.

¿Os outros? México está entrampado. O 85 por cento das súas exportacións se dirixen a Estados Unidos e a espada de Damocles da inmigración. Con Chile, as oportunidades do acordo de libre-cambio son negociables a cambio do voto afirmativo. A posición de Bulgaria é similar á angolana: a súa sensibilidade para a axuda está a flor de pel. Con todo, pese a tantas evidencias, a ninguén se lle debería escapar que todos precisan de todos. E Estados Unidos tamén. O Parlamento turco deu unha lección.

Salvagardar esa paz que algúns estados poden convertir nunha simple mercancía, é o principal deber da ONU, que non debería tampouco permanecer impasible ante os empeños obscenos de torcer o brazo dalgúns países. O secretario xeral, Kofi Annan, tiña que saír do seu armario para erguer a voz reivindicando, non calma, senón dignidade e respecto para coa institución e os seus membros. Tanto discreto silencio, soamente parcialmente favorecido polo protagonismo dos inspectores, revela o seu escaso peso político nun intre decisivo para a organización que dirixe.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/03/2003