Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
¿A guerra por ano?
Por Xulio Ríos (Revista das Letras de Galicia Hoxe, El Correo Gallego, en galego, 11/09/2003)
 
 

Entramos no terceiro ano da guerra mundial contra o terrorismo. Esa foi a resposta, tan determinante como irreflexiva, do presidente Bush a unha acción terrorista que daquela e agora cabe cualificar dunha envergadura e unha audacia sen precedentes, concibida, planificada e executada por forzas islamistas.

Non había moitas esperanzas de que pasado o momento quente da vehemencia, impropia en gabinetes que se supoñen a proba de todo tipo de catástrofes, se albiscara unha mínima razón capaz de reconducir a reacción do goberno norteamericano, abertamente inadecuada e orientada cara unha non-solución que debemos soportar todos os países e cidadáns do planeta que habitamos. Dous anos despois daquela traxedia soamente podemos constatar a confirmación da loita entre integristas dunha e doutra banda, que satisfai a plenitude as ambicións inconfesables de tantas redes de intereses que se benefician da loita contra o caos orquestrado supostamente polos países do eixe do mal.

Nun primeiro momento, moitos podían expresar certa comprensión coa actitude expeditiva da administración Bush. O golpe foi especialmente duro. Nun mesmo día, New York e Washington, as principais capitais da primeira potencia, foron golpeadas severamente, asasinando ao equivalente da metade das víctimas producidas en atentados terroristas entre 1961 e 2001, 3.011 persoas, segundo os datos adiantados polo Departamento de Estado. EEUU descubriu que era vulnerable e que non estaba preparada para afrontar as ameazas que se aveciñaban. Pero a solidariedade se dilúe a medida que avanza o foso que vai separando as dúas ribeiras do Atlántico como consecuencia das serias diverxencias xurdidas neste empeño. Todos podiamos ser americanos naquel fatídico día, pero o clima de guerra preventiva e permanente impulsado dende entón quebra toda simpatía.

Que facer? A guerra. Contra quen? Contra os terroristas sexan quen sexan, vivan onde vivan, reais ou potenciais, contra os que os protexen e os axudan, contra toda ameaza existente ou expectante, contra todos os que non gustan de Norteamérica... Con esa premisa funciona dende entón a política interior e exterior de Estados Unidos, converténdoa no chivo expiatorio que tanto serve para un roto como para un descosido. O naufraxio de Enron custou ao erario estadounidense 1,8 veces máis que os danos causados polo 11S, pero é un tema menor, naturalmente, comparado coa necesidade de estar precavidos, sen que nada nos distraia.

A guerra contra o terrorismo, anunciaba The Economist hai meses, pode prolongarse indefinidamente. Imos a guerra por ano. Afganistán, en 2002; Iraq en 2003. A lista de candidatos para o futuro é sobradamente coñecida. Non obstante, pormenores a parte, é unha guerra difícil de gañar, practicamente imposible, se unicamente se reduce, como é o caso, a aspectos de seguridade, restrinxindo as nosas liberdades, reducindo o compromiso na loita contra a pobreza e alimentando o mesmo temor que se afirma combater. É unha estratexia condenada ao fracaso, pero que antes imporá moitos sacrificios.

 
 

Xulio Ríos é director do IGADI.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/09/2003
Fernando Pol