| Presencia-Opinión |
| A captura de Sadam Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 31/07/2003) |
|
As tropas ocupantes de Iraq intensifican a busca e captura de Sadam Husein coa esperanza de que iso supoña a parálise dos núcleos rebeldes que amargan día a día a presencia invasora, especialmente a norteamericana, cun goteo constante de mortos e feridos. O cerco se estreita, afirman numerosos medios, á vista da morte de dous dos seus fillos (é curioso o silencio absoluto sobre as súas fillas, Raghad e Rana, exiliadas coa súa nai nos Emiratos veciños). O pase á clandestinidade de Sadam semella, polo de agora, o maior éxito –senón o único– da súa estratexia defensiva. A asociación entre a liquidación do ex líder iraquí e a fin da guerrilla parte dunha equiparación que iguala resistencia e defensa do réxime de Sadam. Poida que sexa así. Poida que non. A ubicación en Bagdad e pequenas cidades satélite da capital dos principais reductos de resistencia así como o tipo de material empregado nas súas accións semellan argumentar a idea de que se nutre fundamentalmente de pequenos fragmentos do antigo aparato estatal. De aquí a final de ano vaise saber se soamente se trata diso ou existen núcleos de patriotas decididos a manter un nivel de acoso permanente contra as tropas invasoras. As probabilidades que Sadam ten de sobrevivir a tan teimuda caza, con recompensa incluída, non son moitas. A súa base socioétnica de apoio non é moi extensa. Non pode contar cos curdos, case un 20 por cento da poboación. Tampouco coa maioría xiíta: os seus principais líderes decidiron xa non colaborar cos americanos, pero tamén non implicarse na loita frontal contra eles, agardando que o Sr Bremer “comprenda” que non lles queda outro remedio que situalos no Palacio presidencial. A inmensa maioría dos que agora forman o goberno provisional son xiís pero proceden do exilio. A franxa sunnita está territorialmente moi acotada e sofisticados medios e varios milleiros de soldados “peinan” toda a zona. Pero pase o que pase con Sadam, o que si percibe todo o mundo a estas alturas é que, primeiro, todo canto aventuraron nas Azores para xustificar a guerra era mentira; segundo, aos ollos da opinión pública mundial emerxe a evidencia de que os americanos e adláteres son ocupantes e non liberadores. Non hai forma de disimulalo por moito que se empeñen e ambas circunstancias xogan á contra dos vencedores. É evidente que contan con diñeiro, poder e armas de ultimísima xeración para impoñer a súa victoria, pero non lles asiste a razón. O incremento da represión contra a poboación civil, víctima do nerviosismo con que as tropas invasoras conducen a operación de busca e captura, encrespa os ánimos dunha cidadanía dobremente castigada e inflúe negativamente na moral do ocupante. As penurias e a inseguridade fan o resto. 25 millóns de dólares e unha unidade de elite, a Task Force 20, integrada por axentes da CIA e da Delta Force, que custan mensualmente uns 4 mil millóns de dólares (a metade do total de axuda norteamericana que cada ano recibe, por exemplo, a africana Malí ou Tanzania), son as primeiras facturas que deberán abonarse coas rendas do petróleo que aspira a contar o sr Bremer nos próximos meses. En suma, toda a artillería tecnolóxica da hiperpotencia imperial debe aclimatarse recorrendo á máis vella das prácticas da arte da guerra, a delación, confiando en que algún dos apoios máis próximos de Sadam vire a súa lealdade a cambio dun fato de diñeiro, aquí máis negro ca nunca. |
|
Xulio Ríos é director do IGADI. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 30/07/2003 |