Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Wanted
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 17/04/2003)
 
 

Non sei que democracia se pode levar ó Iraq se os invasores, ademais da invasión –que xa é a negación de toda idea de democracia-, fan pública unha lista dos máis buscados, “vivos ou mortos”, ofrecendo ademais por eles fortes recompensas. Iso deixa pequenos os asasinatos de nenos, mulleres, xornalistas e poboación civil que tanto valeron para aterroriza-lo pobo de Iraq. Porque todo o que está pasando alí é terrorismo, sen máis. Pero terrorismo da máxima obscenidade. Que apoia o Goberno español. E os deputados do PP.

Hai quen escribiu que se está impoñendo no Iraq a lei do Oeste americano. Non é pouca inxenuidade pensar así. O wanted que vimos en tantas películas, co correspondente cazador de homes, non se tomaba en serio, como non se tomaban en serio as balas que Alan Ladd ou John Wayne lle metían no bandullo ós malos da película. Porque sabiamos que a verdade eran as películas, onde había paisaxes maxestosas, aventuras, loita do home coa natureza, e con outros homes, imaxinación.

Mais no Iraq non hai nada diso. Alí o que hai é un primitivismo que pon medo.
Foi decretada a caza dos cincuenta e cinco, mortos ou vivos, e, para facilitala, repartidas barallas cos nomes e fotos de cada un dos inimigos a executar. O Pentágono resérvase no só a acusación, senón tamén a sentencia e a execución. E prescinde de calquera sorte de procedemento de garantía, para máis facilidade.

Concúlcanse, pois, conceptos esenciais que o ser humano, para a súa convivencia civilizada, tardou miles de anos en asentar e meter na mente da sociedade, ata que foron comunmente aceptados: a presunción de inocencia, o xuízo xusto, o principio de proporcionalidade. Sen eses e outros principios mínimos, non ten sentido falar de democracia. Claro que ninguén, nin sequera Aznar, pode crer que se ía levar nada a Iraq; o problema estaba, e está, no que se pensa traer.

Diante de tanto primitivismo movido pola cobiza depredadora, un non pode menos de preguntarse que desgoberno é o noso, que apoia cegamente tanta brutalidade. E que clase de deputados son eses que, sen a menor fenda, apoian o terrorismo que esta guerra orixinou. Pídelles moito o Xefe cando lles di que saian á rúa coa cabeza ergueita e sen se poñer rubios de vergoña. ¿Ou será que estamos trabucados?

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003
Fernando Pol