| Presencia-Opinión |
| Servidumes Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 12/06/2003) |
|
É máis claro cada día que a actividade política non se pode desenvolver sen unha gran servidume. Trátase da mentira como norma. Chámeselle mentira ou de calquera outra maneira, pois admite certos matices. Mentira, e isto é o grave, que se vai aceptando pola sociedade ata formar parte da súas referencias, das súas maneiras de pensar, da súa cultura. E que, ó cabo, leva ó desprestixio da política e dos que a exercen. O que, asemade, leva ó escepticismo, de todos coñecido, da nosa sociedade en canto se refira á política e ós políticos. Paréceme que pode estar aquí unha das claves para comprender ben a nosa sociedade. Pois a actividade política, en calquera tempo, estivo sempre emparellada cunha sorte de pedagoxía, ou se se prefire, cunha certa capacidade de orientación didáctica das masas destinatarias das mensaxes dos homes políticos. E isto foi así ata tempos ben recentes. Políticos como Kennedy, Mac Millán, De Gaulle, e outros, souberon exercer este maxisterio político sobre os electores. E penso que foron os últimos en facelo. A mercadotecnica foise apropiando da mensaxe política á par que, con medios de chegada ás masas nunca vistos pola súa eficacia e poder de influencia nelas, foi banalizando aquela mensaxe de sempre, converténdoa nunha sorte de píldora que a xente se traga e a releva de pensar e lle aforra ter decidir. Isto é outro problema, e moi grave, de carácter colateral que agora non imos considerar. As imaxes substituíron ás ideas e ó pensamento, como é ben sabido. E cunha eficacia nunca sospeitada. O problema é que vai pasar en pouco tempo, cando xa non se resista (e hai síntomas de que isto empeza a suceder) a mentira como valor reverenciado e cultivado, imposto dende as máis altas instancias do poder político, dende os poderes imperiais ós municipais máis insignificantes. Pode que os electores miren de esguello a política e pasen dela, máis aínda do que xa está ocorrendo, ou pode que o porvir non sexa outro ca aceptación pasiva do embuste. Calquera das dúas alternativas é mala cousa. E dá arrepío pensar que ese pode se-lo mundo dos nosos fillos e dos nosos netos. Volvendo unha vez máis á feliz expresión de Antonio Machado, confiamos que non será verdade nada do que pensamos. |
|
Xosé Luis Franco Grande é escritor. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003 |