| Presencia-Opinión |
| Riscos e perigos de hoxe Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 24/04/2003) |
|
Paréceme que non hai a menor dúbida: a situación de risco permanente, a sensación de perigo inminente ou xa de alarma universal que se vén producindo dende os actos terroristas do 11 de setembro do ano 2000, non é nada novo, senón algo máis vello do que parece, se temos en conta a documentada exposición que fai J.F. Pérez Oia no último número de La Campana. A idea da suposta vulnerabilidade creada por aquel atentado, tampouco é nada nova: o obxectivo da invulnerabilidade foi de sempre unha idea que presidiu, alimentou e xustificou a de preponderancia do poder militar. Son moitos os que pensan que aquel atentado resultou unha coartada perfecta para que o poder imperial manteña e afirme a súa política agresiva e militarista. Política agresiva e militarista que, entre outras cousas negativas, leva a actitudes sospeitosas de exaltación da infalibilidade do mando, aumento do militarismo, instauración da mentira como costume entre o poder executivo, a cidadanía e os outros poderes do Estado, e un crecemento canceríxeno do secretismo, do que se dá erudita noticia no antes dito artigo. O que nos leva tamén á cega limitación de dereitos se dalgunha maneira o mando estima que pode verse coutado na súa acción. Parécenos que se fará a guerra contra Iraq, con ou sen resolución favorable da ONU ou do seu Consello de Seguridade, ou contra a ONU, contra o mundo e contra boa parte do que se pensa nalgúns sectores dos propios EEUU. Cómprelle ó imperio deixar moi claro, sen quen haxa a máis pequena dúbida, quen é o que manda e ata onde pode mandar. Ou sexa, que se saiba onde está o poder absoluto. Para que cada quen coñeza os seus lindes e limitacións. E que non se mova. Política, polo que se ve, que debe de se-lo ideal de Aznar, quen semella padecer de frustración ó saberse un imperialista fracasado. ¡Que ledicia repartir labazadas e fungueirazos polo mundo adiante, quitar e poñer homes de palla, debuxar novos mapas que reflictan un mundo novo, non eses pequenos beliscos ós vascos, ós nacionalistas, ós sindicatos ou á oposición, cousas tan pequenas para quen ten tan clara vocación imperial! Nostalxia a súa da “dialéctica de los puños y de las pistolas”, en versión posta ó día e ó grande. ¿Alguén o entende? |
|
Xosé Luis Franco Grande é escritor. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003 |