Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Nun mundo complexo
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 26/06/2003)
 
 

Nos propios USA xente dun certo nivel empeza a se decatar de que ese país está moi lonxe de entende-lo mundo que pretende dominar. É máis, pensan que teñen unha ignorancia moi grande das complexidades do mundo do noso tempo. Paréceme que é o caso, entre outros, de Susan Sontag, conforme asegurou nunhas recentes declaracións publicadas no dominical de El País.

É o que nos demostra o caos que estamos vendo no Iraq, onde, despois de desface-lo país e de desmantela-lo Estado e os medios de comunicación públicos, e logo da campaña de desbaazifación, miles de persoas se foron ó paro. O propio Bremer pensa que “máis do 50 por 100 dos iraquís están hoxe sen emprego”. E nas rúas sucédense pequenas manifestacións sectoriais –un día os empregados municipais, outro os da tele, ó día seguinte os da Academia de Policía- e o desespero vai a máis. E cada día máis mortos nos dous bandos.

O que non impide a ese mesmo país dicir que non está “disposto a tolerar” que Iran fabrique armas nucleares, como vén de manifestar á BBC John Bolton, subsecretario de Estado para control de armas e seguridade internacional. Ou sexa, que están dispostos a invadilo se é necesario. Pois, como o mesmo Bolton dixo, “o presidente ten dito en reiteradas ocasións que tódalas opcións están sobre a mesa”. E o que queira entender que entenda.

Así as cousas, nada ten de estraño que os USA se vexan obrigados a pechar embaixadas por motivos de seguridade, como no caso de Kenia. Empeza a pasarlle en África e pode que en diante lle pase por todo o mundo, ou polo menos nunha boa parte del. O intento de domina-lo a estadullazos é unha mala política –porque significa a ausencia de toda política. E isto si que é nota moi grave para a normal convivencia internacional, de sempre dominada pola arte de equilibrar intereses, que niso consiste a política.

É moi difícil dominar un mundo do que non se ten unha idea nada clara. E dominalo mal é a peor maneira de facelo, pois as relacións internacionais está visto que van indo a peor, como cada día nos poñen de manifesto Afganistán e Iraq. E a cobiza de dominalo sen a axuda e cooperación dos demais países xa se ve que vai sendo un soño e non unha realidade. Unha das máis tristes realidades do noso tempo.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/07/2003
Fernando Pol