Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Non, Mr Powell
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 08/05/2003)
 
 

Empregando unha linguaxe maniquea, contaxiado polo seu patrón, Colin Powell veu a adoutrinarnos e a dicirnos que debemos comprender que o Goberno e o seu líder están no lado bo da historia por terse posto do banda que se puxo, e que confía que o pobo español comprenda que aquel tiña razón. Unha maneira moi pouco elegante de influír con eses adoutrinamentos nos nosos criterios, e que, ademais, debera parecer moi mal ós demais líderes políticos deste país, que nin se sentiron molestos por esas impertinencias ou non se decataron de que é unha impertinencia, e de pouco estilo, ter manifestado tal cousa.

Por suposto que Mr. Powell nin se molestou en dicir por que está no lado bo da historia. Sen dúbida porque sabe que a maioría da xente pensa outra cousa, porque sabe que a mentira foi o principal alicerce da guerra recente, porque coñece ben que as liberdades minguaron, porque os actuais dirixentes do seu país, ben fundamentalistas eles, practican o terrorismo internacional, porque coñece ben de preto que ó cabo son os intereses do imperio o que está en xogo. Este si que é o lado bo da historia. Polo menos, o outro lado.

Estraña, pois, que os políticos deste país non aproveitasen as lixeirezas, verbais e conceptuais, de Mr. Powell –nós non podemos chamarlle Colin, como seica lle chama na intimidade a inefable ministra Ana- para darlle unha boa lección, á par que podían terlle dado outra tamén ó Goberno: ó primeiro, porque as súas palabras foron unha clara inxerencia nos asuntos internos do país, pouco menos que pedindo o voto para o Goberno e para o seu Presidente, e ó segundo por consenti-lo desprezo, porque o é verdadeiramente, que veña un alto cargo doutro país a dicirnos como nos debemos comportar.

E un non sabe xa que é máis penoso: se un Goberno sen sensibilidade para percibir que a moita xente lle pode parecer mal unha actitude coma a de Mr. Powell, que nos confina a un posto de quinta categoría, ou unha oposición que non sabe aproveita-la ocasión para poñer a andar ó Goberno, ó Sr. Powell e á Sra. ministra Ana del Palacio, e desa maneira facer que a xente que se teña sentido ofendida –que non será moita, pero algunha si- se vexa reparada e verdadeiramente representada polos seus políticos. Pero non.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003
Fernando Pol