Presencia-OpiniónVolver ó índice / Estados Unidos
Máis andrómenas
Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 05/06/2003)
 
 

O sinistro Wolfowitz di que o ter subliñado como causa da invasión de Iraq a destrucción das chamadas armas de destrucción masiva, foi algo que se fixo por “razóns burocráticas”, pero houbo outros motivos para a guerra. Salientouse esa razón, di agora, porque desa maneira todos nos puxemos de acordo. E, ademais, entre eses outros motivos para a guerra estaría, di tamén agora, o poder retirar de Arabia Saudí as tropas dos EEUU, resolvendo así o que al-Qaeda ten por unha das maiores humillacións do Islam.

Pola súa banda, o goberno británico tamén foi acusado de alterar un documento para xustifica-la guerra: unha das afirmacións feitas por Blair no limiar, que tiña como finalidade a xustificación da guerra pola existencia daquelas armas en Iraq, facendo que parecese “máis dramático”, revélase agora que foi unha falsidade máis. Como de outra maneira se infire tamén das manifestacións de Rumsfeld: “Iraq puido ter destruído tódalas súas armas de destrucción masiva” antes da guerra.

Como ben di o director do Instituto Real de Asuntos Exteriores do Reino Unido, nunhas declaracións á BBC, estas manifestacións supoñen un cambio radical na xustificación da guerra, pois nunca se deron antes dela, senón agora logo de rematada. O apoio á guerra dependía do argumento, de evidente falsidade, de que Iraq tiña armas de destrucción masiva, argumento que agora se esquece, porque non vale, e se procuran outros –pero xa é tarde.

Ten razón, sen dúbida, o citado director do Instituto Real de Asuntos Exteriores ó subliñar que, así as cousas, está claro que esa guerra é inxustificada, ó menos en Europa, onde tódolos medios falan da falta de probas da existencia de tales armas, a diferencia do que ocorre nos EEUU, onde un 40 por 100 da poboación pensa que o seu exército deu coas armas e as destruíu.

Como tamén é moi de ter en conta que, en Europa, os gobernos que apoiaron a guerra vense agora nunha debilidade manifesta, pois mentiron á xente, perderán credibilidade diante dos electores, acentuarán aínda máis a falta de confianza destes nos políticos e quedará máis á vista a dependencia deses gobernos das presións dos EEUU. Non parece, pois, que a política de apoio á guerra de Iraq deixe moi ben parados ós gobernos que a executaron.

 
 

Xosé Luis Franco Grande é escritor.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2003
Fernando Pol