Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
OMC: Lindo Cancún
Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 23/09/2003)
 
 

Luis Ernesto Derbez, ministro de Asuntos Exteriores mexicano decidiu, o 14 de setembro, durante as complexas negociacións da OMC en Cancún, que non había unha mínima base para achegar un acordo fructífero de mellora das relacións comerciais internacionais- en particular, os intercambios entre países ricos e pobres-, e polo tanto, a reunión dábase por rematada.

Algúns, sorprendidos, viron a man do demo americano turrando da gravata do ministro para evitar que as negociacións continuasen en detrimento dos intereses iankis. Outros, responsabilizaron ó ministro de querer acabar demasiado pronto un asunto de pazo...e cualificaron a súa rección de resposta inmatura e inesperada. Houbo quen criticou ós estrategas europeos por falla de visión e previsión, e ós americanos por falla de interese. As organizacións non gobernamentais culparon ós países ricos de facer naufragar as negociacións presionando ós países pobres e dando demasiado poucas concesións no ámbito agrario. Pola contra, aínda que certos países pobres foron loitadores incansables, outros non pasaron dunha simple toma de posicións, e as organizacións non gobernamentais xogaron un papel radicalizador que tivo mais que importantes repercusións.

Moitos intereses estratéxicos estaban en xogo. Certo. Ninguén quixo dar o brazo a torcer. Certo tamén. É difícil dicir quen tiña mellores escusas. Pero si queda claro que un sistema de negociación baseado no “consenso”, non pode dar froitos a curto prazo con tan grande diverxencia de posturas. Nembargantes, algúns países pobres semellaban satisfeitos polo acadado, mentres o ministro do Bangladesh afirmaba con bagoas nos ollos, “este é o peor resultado que os países pobres podemos achegar”. ¿Quen é logo o culpable?

A agricultura, foi a nai de tódalas polémicas. En agosto, europeos e americanos deseñaron un plan para liberalización do comercio agrícola, no cal non se excluíu a posibilidade de subvencionar as exportacións. Indignados por este tímido avance interatlántico, un grupo de países en vías de desenvolvemento decidiu formar un grupo de presión dentro da OMC e denunciar a conivencia entre europeos e americanos, que tanto lles prexudicaba. Brasil, China e India foron as voces cantantes deste “grupo pioneiro” (o G21) que sería clave nas negociacións. A reivindicación era clara. Os ricos teñen que esforzarse máis no recorte das axudas agrícolas á exportación. Demanda que recibiu a maior parte da atención.

Sen embargo outras alianzas relevantes recolleron o relevo. As ex-colonias europeas temeron perder as preferencias no acceso ós mercados europeos, sobre todo co comercio do platano. Os países da África Occidental desconfiaron respecto das repercusións no mercado do algodón, fortemente subsidiado nos EEUU. Os xaponeses non quixeron avanzar nas negociacións sobre o mercado do arroz, e Europa permaneceu como o máximo donante de axudas á agricultura.

Tal vez sexa prematuro afirmar a reunión de Cancún como fiasco cando o Uruguai round durou 8 anos. Tamén non é negable a influencia da política interna de cada participante, pois os EEUU achéganse é tempada de eleccións presidenciais, e os europeos concentrámonos na adhesión dos novos membros. Sen embargo o protagonismo dos acordos bilaterais parece resurxir coa administración Bush, fracturando o sistema de intercambios internacional onde o réxime de preferencia tería que ser igual para todos os países da OMC, permitindo explotar as vantaxes comparativas de cada quen.

 
 

Xosé Manuel Figueiras.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/09/2003
Fernando Pol