Presencia-OpiniónVolver ó índice / Outros
O que manda, manda!
Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 18/03/2003)
 
 

Algo falla na democracia contemporánea. Cando os líderes políticos toman decisións contra a inmensa maioría de cidadáns ós que serven, e as explicacións que dirixen ó pobo que os elixiu se basean no “sacrosanto destino da nación”, ou nunha perda de “grandeza”, ben asumida, teño a impresión de vivir noutra época. A política internacional volve ó “estado de natureza” de romperse coa orde mundial creada despois de segunda Guerra Mundial. O que parece case feito, sen que ninguén lles poida parar os pes a algúns dos dirixentes que fan caso omiso das esixencias “plebeas”.

Pola contra, a democracia española segue o seu camiño francamente paradigmático. Non deixo de preguntarme para qué serve un parlamento onde a verdadeira “discusión política” non existe, e a representación se esfuma cada vez que é necesaria a opinión de hemiciclo. E é, que verdadeiramente, non-e-xis-te! Rousseau gaña puntos co paso do tempo coma os bos viños. Aquelas fermosas palabras inmortalizadas por un líder socialista do que xa ninguén parece acordarse, “El que se mueva no sale en la foto”, teñen hoxe máis vixencia ca nunca, gracias á “desinteresada” acción do noso ilustre Partido Popular pola promoción da democracia e a orde mundial. Nin un só dos representantes da “Nación” do partido conservador - e probablemente os outros tamén seguirían xeralmente a mesma tónica-, se atreve a romper a disciplina de partido, arriscando o seu “curriculum” en troques do que os seus representados demandan na rúa. Certo, non se trata de aplicar un “mandato directo”, pero tampouco de torcer a cara para non ver o que ocorre en todas e cada unha das vilas do estado e nas enquisas.

A disciplina de partido é o cancro do noso parlamentarismo –É “a lei de ferro da oligarquía”, xa o dicía Robert Michels hai uns cantos anos-. Parece ser, que aquí non existen os “backbenchers” que teñen os británicos, e que no seu momento lle moveron a cadeira a Madame Thatcher; nin os partidos españois son coalicións que deixen ver as diferentes “sensibilidades” do partido. Pola contra, dende o líder do partido ate a derradeira a alma cándida na xerarquía, se ateñen á propaganda e ós discursos preestablecidos a risco de ridículos magnánimos e insulto á intelixencia humana. E senón, que lle pregunten ó ministro de defensa se era consciente do que dicía cando visitou as “esplendorosas praias galegas” en decembro pasado, ou se os efectos sicotrópicos do fuel o traizoaron cun ataque de optimismo alucinóxeno (Eso si, asegúrense de que o fan “en privado” ). Se non temos discusión intra-partido, para qué eliximos (e pagamos) tanto representante inútil? Sería mellor, economizar, e máis agora que nos alonxamos do “déficit 0”!

Botémoslle imaxinación. Veña!

Propostas para o novo modelo “democrático” español que servirán a enriquecer o legado internacional da ciencia política moderna:

Primeiro. Reforma constitucional! “Aznar for President”! Non nos podemos permitir perder un individuo talmente lúcido, e con contactos internacionais privilexiados ( Bush, Blair, Barroso...) nun momento clave para nós e para o mundo... Nada de listas de partido! As eleccións se farán, coma os combates de boxeo, “a cachetazo limpo”se fai falla, qué é a lei do máis forte tan de moda, como ben vai comprender Míster Sadam. Cara a cara os dous líderes dos partidos maioritarios, en duelos que pasarán á historia pola súa épica maxestuosa e pola renovación da clase política da que estamos tan necesitados!

O resto de forzas políticas non son representativas. Só un grupo de “cavernícolas rexionalistas” e “utópicos comunistas decadentes”. Bipartidismo! Como dicía Fraga. Os partidos elixirán, en base ós seus afiliados, ó seu “púxil”- alguén con moita personalidade, elegancia e inxenio, como soe ser habitual- nunha especie de primarias “de charanga e pandeireta” a la española, para mellor promoción da imaxe internacional tan ben coidada nos derradeiros tempos.

Por se fose pouco, faremos alarde de democracia e propoñeremos que se faga a reelección do líder cada certo tempo e neste contexto, é dicir, nos congresos do partido. Ah! E suprimiremos o Parlamento! Porque, o Senado pobriño... E o Congreso dos Deputados “vaia por Deus” -nesto si lle faremos caso a certas opinións banais da rúa- cando din algo, non falan claro. E ademais como os comités de investigación do parlamento nunca chegan a ningún tipo de conclusión –como o do Prestige en Galicia, cando se crean-, para qué os queremos. Fóra.

E non nos esquecemos das autonomías, ás que habería que harmonizar para que non amolen. Qué manía de pedir traspasos! Onde se veu?! E agora Andalucía.O que faltaba.

Finalmente, o poder xudicial e sobre todo o Tribunal Constitucional, deberían sufrir unha forte transformación para evitar a disparidade de opinión e adhesión ós valores hixiénicos practicados polos antepasados do Presidente deste Tribunal, Jiménez Parga.

E non deixemos de lado a xeopolítica internacional! Declararemos a guerra a Iraq. E para que se vexa que os principios de evolución de Darwin seguen vixentes, e que os españois de 2003 son máis agudos que os de 1898, os soldados que daquela nos atacaban, hoxe serán a carne de canón en lugar dos nosos mozos nas areas Babilónicas de Bagdad. Así dá gusto ir á guerra. “Viva la nueva Pepa”!

 
 

Xosé Manuel Figueiras.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/03/2003
Fernando Pol