Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Europa, ¿unha nova constitución?
Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 24/06/2003)
 
 

¡Permanezan atentos as pantallas! Novos episodios da épica contemporánea nos agardan detrás do vidro da pequena caixa parlante. A política das nacións estado europeas, que noutra época se xogaba nos campos de batalla, terá lugar desta volta nos salóns que a próxima presidencia italiana –que comeza o vindeiro mes– estime oportunos. O primeiro ministro luxemburgués, xa nos avisou, “¡haberá fermosas pelexas!”...

Corenta e sete anos despois do tratado de Roma, ábrese outra das continuas etapas estratifícantes da formación europea. Silvio Berlusconi xa se frega as mans. Esta vez, a discusión debe levar á sinatura doutro tratado que leve por nome o da ilustre cidade do “Mare nostrum”, é dicir, o tratado de Roma II, a primeira “constitución” europea en senso estricto.

Falar dunha constitución Europea, era hai uns meses un tabú. ¿Porqué?

Pois, simplemente, porque cando se sae dos “intringulis” da máis que torrada e por veces rancia e inmobilista política constitucional –léase española se queren...–, e se afasta das fronteiras que o viron nacer para ver cómo se cocen as fabas noutros lares, téndese a ver esas (xa) vellas constitucións do mesmo xeito que dende as capitais se ven os estatutos... (a veces coa simpatía dunha concesión, a veces co deprecio a unha lei subsidiaria...), para aproximarse a un proxecto que tende a magnificar expectativas e facerlle fronte á caprichosa orde internacional americana, sendo exemplo para o mundo.

A constitución europea, fai perder protagonismo ás constitucións nacionais que se verán destronadas do status de “lei suprema da orde constitucional”.

De todas formas, esta nova constitución, non está aínda aprobada, e ás discusións que se levarán a cabo entre delegacións na próxima conferencia intergobernamental, hai que sumarlle os procesos de ratificación precedidos dun referendo, que en moitos casos pode dar problemas, tal e como xa pasou co tratado de Maastricht en Dinamarca, e mesmo que case ocorre en Francia onde o plebiscito foi superado por unha estreita marxe.

Se os pobos europeos queren verdadeiramente unha Europa e unha constitución –a xente comeza a acordar cando se usan termos tan gráficos, e son conscientes do que implica esa denominación– aprobarán masivamente este proxecto. Agora ben, se eses mesmos pobos se perciben como desfavorecidos, ou prexudicados polos novos repartos de poder (algo no que terá moita influencia o poder mediático dos gobernos en particular), ou se senten dominados polas “grandes Nacións” (por exemplo o eixo Franco-Alemán), haberá problemas. Sobre todo cos países do leste que veñen de romper co xugo soviético e teñen certo receo das ameazas á recente prosperidade e liberdade acadadas nos noventa. Problemas tamén cos pequenos países que cren que un presidente do Consello reforzaría en demasía ós grandes, e finalmente problemas coas capitais que se senten desmelloradas con respecto ó peso territorial ou peso histórico específico.

Os problemas, serán seguramente saldados con imaxinación e con novos Opting-in ou Opting-out para aqueles que espremen desconfianza. Sen dúbida, por aquel entón, o paso adiante xa estará dado.

 
 

Xosé Manuel Figueiras.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/06/2003
Fernando Pol