Presencia-OpiniónVolver ó índice / Europa
Diálogo social made in Spain
Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 01/07/2003)
 
 

Se o Consello do ECOFIN -a reunión de ministros de economía e finanzas da Unión Europea-, lles deu unha boa tirada de orellas a Alemania ou a Francia durante os meses da presidencia grega, non foi menos para o goberno español.

Nas conclusións extraídas sobre a economía dos diversos países europeos, algún son louvados como exemplo. Dinamarca é o alumno avantaxado. Alí todo parece ir ben, finanzas, inflación…, se ben a presión fiscal é lixeiramente superior á doutros países. Suecia, Grande Bretaña, ou Irlanda, conseguen unha boa calificación tamén sen ter que pasar a reválida de setembro.

Os malos alumnos son, pola contra, Alemaña, que afoga no déficit presupostario, falla de crecemento e que debe facer algo para reformar a súa economía se quere seguir cumprindo cos sabios consellos de Bruxelas. Tamén Italia, cunha forte débeda pública, á que se lle aconsella meter as tesoiras por tódolos recunchos posibles. Francia, que derrapa consecutivamente dende hai tempo nas medidas emprendidas para recortar o gasto público, e España, á que o Consello de Ministros lle demandara un calendario de reformas do sistema de pensións insistentemente, sen que ningunha reforma estivese emprendida... En suma, as críticas tamén se aseveran ó respecto das taxas de emprego feminino e o incremento das disparidades rexionais. Temas de máis relevancia social, posto que afectan ós principios constitucionais consagrados na Carta Magna e teñen unha repercusión política máis aló do visible.

Se analizamos o contexto socio-político europeo, veremos que, tan só no derradeiro mes de xuño, unha avalancha de folgas se desencadearon en diversos sectores tal que transporte ou educación. As manifestacións en Francia foron, como é habitual particularmente chamativas. Bélxica seguiu o exemplo, e mesmo en Italia houbo algún movemento.

Estas folgas, directamente vencelladas coas propostas dos ministros de economía europeos, son o froito deses recortes aquí e acolá sempre dentro da órbita do cada vez máis reducido estado do benestar, que busca de salvar os derradeiros vestixios.

Certo, que mirando as pirámides poboacionais estados membros, non hai maneira de pagar as pensións sen reformas, e os ministros son conscientes de que a política de inmigración é a solución.

Pero nembargantes, é curioso cando menos, a falla de movemento do goberno español, que cun pouco de observación detallada ten a súa orixe nos desastres de xestión gobernamental da fin do ano 2002 e comezos de 2003, con eleccións locais incluídas.E claro, xa se sabe que en período electoral, non é bo lexislar se non é para acaramelar ó electorado.

Xa nos podemos ir preparando para un novo exemplo de diálogo social made in Spain.

 
 

Xosé Manuel Figueiras.

Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/07/2003
Fernando Pol