| Presencia-Opinión |
| Crise de gobernanza mundial Por Xosé Manuel Figueiras (Canal Mundo, 11/03/2003) |
|
A Segunda Guerra Mundial, deixounos como legado unha nova orde mundial e unha estructura de organizacións internacionais que despois de cincuenta anos, e trala desaparición da URSS, quedan faltas de senso e non cumpren coas expectativas que se lles confían. Tal é o caso da OTAN, que como vemos deixou de ser o aglutinante atlántico dos USA, e na que xa non todos os seus membros teñen movementos reflexos respecto das demandas americanas. Hoxendía, a xeopolítica mundial non se comprende xa coa mesma perspectiva que nos 80, e á administración Bush lle falla capacidade de análise para entendelo desa maneira. Iso provoca a diverxencia, no seo da Unión Europea, onde dúas visións do futuro de Europa se enfrontan. Dun lado aqueles que entenden que o único punto de referencia na orde mundial é USA, Gran Bretaña, España, Italia, Portugal e o apoio dos candidatos à ampliación --que poderían ser víctimas, no peor dos casos, da división que os levaría ante a imposibilidade da adhesión se o proxecto europeo racha e o incumprimento dos criterios de estabilidade remata na incapacidade orzamentaria para unha ampliación na que Alemaña se fai cargo dun 25%-; e doutro, os que entenden que USA son un dos factores do entramado internacional -Francia, Bélxica,Alemaña-, aínda que cun potencial extremadamente considerable en comparación co resto de actores internacionais. Nada máis. O que de verdade subsiste baixo esta discusión, é a incapacidade dos ministros europeos de se sentar nunha mesa a discutir sobre cal será o rol dos Estados Unidos con respecto á formación dunha política exterior europea. Despois de todos estes anos de adquisición da herdanza comunitaria, as relacións cos USA seguen sendo o gran tabú. E tal vez noutras circunstancias, con outra administración americana, non cabe dúbida, poderíase discutir do tema dunha forma civilizada e incluso avanzar na construcción desa política con aqueles que o desexen. Hoxe por hoxe, non hai elección, e non hai elección dende o día que George W.Bush dixo aquela famosa frase “con nós ou contra nós”, ós seus aliados europeos. Nese día, nos demos conta de que o caracter ideolóxico do goberno americano conduciría á inquedanza, a discusión, e como non, á crise. Cal é a peor das solucións? Se os USA deciden finalmente atacar Iraq sen consentimento da ONU, e sen a participación de Gran Bretaña, a caixa dos tronos estará máis aberta que nunca. Todo é posible. Isto suporía, a ruptura da “Special Relationship” entre estes dous países, e deixaría en estado de coma á Unión. O incumprimento de pactos quedaría semixustificado e as crises de estabilidade se multiplicarían.A imposibilidade de adhesión dos novos membros viría de seguido, e o desencadeamento dun “ataque ilegal”, deixaría unha revoltura inmensa en Oriente Medio, empezando por Turquía e rematando na problemática da reconstrucción dun pais que atacado inxustamente. Só os USA serían responsables. Por se fose pouco, deberíamos preguntarnos quen se encargaría de intervir nos futuros núcleos tensión que xurdiran. Qué posibilidades hai de que tal reacción en cadea aconteza? bastantes, tal e como moitas declaracións parecen apuntar.Os USA están traumatizados despois do 11 de Setembro e teñen a sensación de estar ameazados. Polo tanto van actuar. Blair ten cada día as mans máis atadas, e a coalición que atacou Iraq en 1991, nada ten que ver coa que hoxe fai presión por tódolos medios. Chantaxe incluída.Se todo depende da elección que Blair ou o presidente americano fagan, tódalas institucións internacionais carecen de sentido. Ademais, se a OTAN non cumpre os seus obxectivos de liña de contacto transatlántica nin os británicos son capaces de desempeñar a mesma función, a diverxencia de opinión UE-US será un feito cotián non só dun día en Iraq. Algo inaceptable, pois a UE débese construír autonomamente e non por oposición ós USA, aínda que cada día sexa máis difícil de definir cales son os intereses comúns mundiais. |
|
Xosé Manuel Figueiras. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/03/2003 |